O BNG de Silleda pide ao Concello que actúe ante a "redución do horario no centro de día da residencia"
Os nacionalistas alertan "de que ofrecer menos horas de atención mantendo o mesmo prezo suporía unha suba encuberta do custo do servizo e un novo problema de conciliación para moitas familias"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda vén de solicitar ao goberno municipal que se informe de maneira inmediata sobre os cambios que, segundo trasladaron varias familias usuarias, "se aplican no centro de día da residencia de maiores de Silleda e que incluirían a redución do horario de atención e a eliminación do servizo de cea". Para a formación nacionalista, estaríase producindo unha diminución significativa das prestacións que reciben os usuarios sen que exista unha redución equivalente no importe que pagan as familias.

A voceira do BNG, Erea Rey, sinala que "se unha persoa recibe menos horas de atención polo mesmo prezo, estamos ante unha subida encuberta do custo do servizo. As familias pasarían a pagar o mesmo por recibir menos".
PUBLICIDADE
Os nacionalistas lembran que a residencia e o centro de día funcionan sobre unha parcela pública municipal en virtude dunha concesión administrativa e que o seu funcionamento está regulado por un contrato co Concello. Por este motivo, consideran que o goberno municipal non pode permanecer alleo a posibles modificacións que afecten á prestación do servizo.
PUBLICIDADE
O BNG considera especialmente preocupantes as consecuencias que esta medida podería ter para a conciliación. "Moitas familias organizan a súa xornada laboral contando co horario actual do centro de día para atender os seus familiares dependentes. Se os usuarios teñen que ser recollidos antes, moitas persoas van atoparse coa imposibilidade de compatibilizar o coidado dos seus familiares co seu traballo. Estaríase reducindo precisamente a utilidade social que xustifica a existencia deste servizo", afirma Rey.
PUBLICIDADE
Por todo iso, o BNG reclama ao Concello que solicite información oficial á empresa concesionaria, que verifique se estas modificacións son compatibles coas condicións da
concesión e que actúe no caso de que poidan verse afectados os dereitos das persoas
usuarias. "Falamos dun servizo esencial para moitas familias de Silleda. O Concello ten a
responsabilidade de garantir que non se deteriora a atención ás persoas maiores nin se
trasladan novos custos ás familias mediante a redución das prestacións", conclúe a
voceira nacionalista.










Comentarios