O IES Marco do Camballón de Cruces continúa en loita en defensa do seu Bacharelato
A Asemblea da comunidade educativa lembra que a administración pode facilitar, en situacións de excepcionalidade, que unha materia se imparta de forma presencial
Laura Moure/Vila de Cruces
A Asemblea da comunidade educativa do IES Marco do Camballón, “En Defensa do Bacharelato nas Cruces”, reuniuse por décima semana consecutiva este martes nunha concentración que reclama docencia presencial para o alumnado de Latín e Grego do Bacharelato de Humanidades.

Ante as declaracións do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no que rexeitaba dotar o instituto das Cruces dun profesor de Latín e Grego aducindo “falta de alumnado”, a Asemblea do Camballón lembra que a materia foi aprobada pola propia Consellería con coñecemento de causa sobre o número de alumnado no mes de xullo. A materia non foi suprimida e apareceu na lista de substitucións polo que o curso comezou con normalidade co alumnado esperando que, como sería lóxico, se enviase un docente que cubrise esa praza con algunha materia afín.
PUBLICIDADE
Desde o Camballón lembran que a administración pode facilitar, en situacións de excepcionalidade, que unha materia se imparta de forma presencial. Esta é unha práctica máis ou menos habitual. A condición do Camballón como centro de contorno rural, nun concello que perde poboación, é unha razón máis que suficiente, como se ten feito noutros centros, para manter a docencia de Latín e Grego no instituto.
Desde o Camballón aseguran que continuarán as súas protestas, visibilizando a indignación da comunidade educativa e denunciando a intención da Xunta de Galicia de empobrecer a oferta académica do IES Marco do Camballón. Esta depauperación pode ter como finalidade a supresión do Bacharelato no instituto das Cruces cuxo alumnado tería que desprazarse fóra do Concello.
PUBLICIDADE
A Asemblea do Camballón anuncia próximas mobilizacións, con máis enerxía e de carácter máis participativo, apelando á poboación local a participar en defensa do Bacharelato nas Cruces. "A Xunta quere eliminar o Bacharelato nas Cruces e as Cruces non pode permitilo", recalca.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG denuncia a falta de profesorado presencial de Latín e Grego no Bacharelato no instituto de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-denuncia-a-falta-de-profesorado-presencial-de-lat%C3%ADn-e-grego-no-bacharelato-no-instituto-de-cru
Concentración no IES Marco do Camballón para esixir unha solución ao profesorado de Latín e Grego: https://www.ecosdacomarca.com/post/concentraci%C3%B3n-no-ies-marco-do-camball%C3%B3n-para-esixir-unha-soluci%C3%B3n-ao-profesorado-de-lat%C3%ADn-e-grego
O IES Marco do Camballón concentrarase todos os martes para reclamar profesorado de Latín e Grego: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-ies-marco-do-camball%C3%B3n-concentrarase-todos-os-martes-para-reclamar-profesorado-de-lat%C3%ADn-e-grego
O IES Marco do Camballón leva oito semanas reclamando profesorado de Latín e Grego: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-ies-marco-do-camball%C3%B3n-leva-oito-semanas-reclamando-profesorado-de-lat%C3%ADn-e-grego
As familias do alumnado do IES Marco do Camballón levan á Valedora do Pobo a falta de profesorado: https://www.ecosdacomarca.com/post/as-familias-do-alumnado-do-ies-marco-do-camball%C3%B3n-levan-%C3%A1-valedora-do-pobo-a-falta-de-profesorado









Comentarios