top of page

O BNG denuncia a falta de profesorado presencial de Latín e Grego no Bacharelato no instituto de Cruces

24 sept
2 min de lectura

O Bloque reclama á Xunta que garanta o mantemento dunha oferta de Bacharelato completa, diversa e presencial no IES Marco do Camballón


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces expresa a súa preocupación ante a situación que está a vivir o alumnado do IES Marco do Camballón que escolle a modalidade de Bacharelato de Humanidades e que, neste curso, non dispón de profesorado para cursar presencialmente as materias de Latín e Grego.

Foto de arquivo dunha aula.
Foto de arquivo dunha aula.

"A alternativa que se está a ofrecer pasa por realizar estas materias a través de ensinanza en liña e desprazarse posteriormente a Santiago de Compostela para realizar os exames. Esta solución en liña tampouco ten as mesmas condicións para todo o alumnado. As dificultades de conectividade que aínda existen en determinadas zonas rurais, xunto cos recursos económicos e dispoñibilidade das familias para asumir desprazamentos, fan que esta alternativa poida xerar desigualdades económicas e territoriais", resalta o Bloque.


O BNG considera que aceptar como normal esta situación suporía normalizar unha educación pública de segunda categoría para o rural. "Se o propio portal educativo da Xunta identifica o IES Marco do Camballón como un centro que oferta actualmente a modalidade de Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais e esta incorpora materias como Latín e Grego, fundamentais para determinados itinerarios académicos posteriores, a obriga do Xunta é por a disposición do centro educativo os profesores especialistas na materia de xeito presencial".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O BNG considera especialmente grave que esta situación se produza nun concello rural como Vila de Cruces, afectado, como tantos outros da Galicia interior, pola perda de poboación. "Existe unha relación evidente entre a calidade e amplitude dos servizos públicos e a capacidade dun concello para reter e atraer familias novas. A perda progresiva de oferta educativa pode converterse así nun círculo vicioso: menos servizos, menos atractivo para vivir no concello, máis familias que buscan outras localidades e, finalmente, menos alumnado e máis dificultades para manter os propios servizos".


"Non queremos que Vila de Cruces se converta nun lugar no que as familias teñan que

marchar a outros concellos para que os seus fillos e fillas poidan estudar en igualdade de

condicións" afirma Álex Fiúza, portavoz do grupo nacionalista. A formación nacionalista reclama á Xunta que garanta o mantemento dunha oferta de Bacharelato completa, diversa e presencial no IES Marco do Camballón e que non se inicie unha dinámica de redución progresiva de materias que poida acabar cuestionando a propia continuidade da oferta educativa no centro.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O BNG pregunta ao alcalde e ao Goberno municipal se realizaron algunha xestión ante a Consellaría de Educación, se solicitaron unha reunión, se reclamaron a dotación de profesorado ou se puxeron en contacto coas familias e coa comunidade educativa para

coñecer e defender as súas demandas. "Se o Goberno municipal non se enterou do que está pasando no seu propio concello, temos un problema. E se o sabe e non está facendo nada, temos un problema aínda maior", conclúe.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page