As familias do alumnado do IES Marco do Camballón levan á Valedora do Pobo a falta de profesorado
Neste instituto de Vila de Cruces levan 9 semanas sen docente das materias de Latín e Grego
Laura Moure/Vila de Cruces
As familias do alumnado afectado pola falta de profesorado de Latín e Grego no IES Marco do Camballón, en Vila de Cruces, presentaron unha queixa ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, despois de nove semanas sen docente para estas materias. Na reclamación denuncian a falta de solucións por parte da Consellería de Educación e cuestionan a alternativa proposta para que o alumnado poida continuar cos seus estudos.
Cabe lembrar que o alumnado de Bacharelato de Humanidades comezou o curso sen profesor destas dúas materias, malia que a praza figuraba vacante na lista de substitucións. Poucos días despois, a Consellería comunicou que non enviaría un docente substituto e propuxo que as clases se impartisen a distancia desde o IES San Clemente de Santiago de Compostela, onde o alumnado tamén tería que desprazarse para realizar os exames.
PUBLICIDADE
As familias consideran que esta medida é "pouco equitativa, inxusta e impráctica", ademais de discriminatoria para un centro do rural. Ao seu xuízo, a distancia entre Vila de Cruces e Santiago dificulta compatibilizar os exames e os traballos das materias impartidas en modalidade online coas actividades presenciais do resto do curso no instituto.
Ademais, cuestionan que a formación a distancia poida ofrecer as mesmas condicións que as clases presenciais, ao entender que limita os recursos dispoñibles e dificulta a aprendizaxe. Unha situación que consideran especialmente preocupante neste curso, no que o alumnado debe preparar as Probas de Acceso á Universidade (PAU).
No escrito remitido á Valedora do Pobo, as familias lembran que o alumnado leva máis de nove semanas reclamando unha solución e recuperan o apoio recibido por parte da comunidade escolar e social de Vila de Cruces. Durante este tempo, desenvolvéronse mobilizacións no propio centro, nas rúas e nas redes sociais, ademais de dar visibilidade ao problema a través dos medios de comunicación.
PUBLICIDADE
A preocupación, con todo, vai máis alá da situación académica deste curso. As familias alertan de que a falta de profesorado pode supoñer un "empobrecemento" do Bacharelato de Humanidades no instituto e comprometer a continuidade desta modalidade educativa no futuro.
Neste sentido, advirten de que a posible desaparición do Bacharelato en Vila de Cruces xeraría importantes consecuencias para o alumnado do municipio, que podería verse obrigado a desprazarse fóra da localidade para continuar os seus estudos, coas dificultades que iso supón para as familias e para a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino público.
A comunidade educativa mantén as mobilizacións
A comunidade educativa concentrouse de novo este martes ás portas do IES Marco do Camballón, nunha protesta que se suma ás realizadas durante as últimas nove semanas.
As familias e o resto da comunidade educativa manteñen así as súas reivindicacións para reclamar unha solución que garanta a docencia presencial de Latín e Grego e unhas condicións educativas equitativas para o alumnado de Humanidades.

Ademais, anuncian a celebración de novas asembleas e mobilizacións para manter a presión e conseguir unha resposta que permita recuperar a normalidade académica no centro.









Comentarios