top of page

O goberno de Silleda acusa ao BNG "de manipular e mentir sobre a reforma da Avenida do Parque"

A Xunta colabora con este Concello nas obras de mellora desta avenida


Ecos da Comarca/Silleda

O Goberno municipal de Silleda lamenta profundamente a campaña "de manipulación emprendida polo BNG en relación coa reforma da Avenida do Parque, na que se están a verter afirmacións falsas e alarmistas, sen respecto pola verdade nin polo traballo técnico que avala esta actuación".


O BNG acusa o Concello de eliminar árbores “por capricho”, "ocultando á veciñanza un feito que coñecen perfectamente, pois lles foi trasladado de forma directa: os 12 exemplares de Acacia (Acacia Melanoxylon) que se retirarán están afectados por un fungo patóxeno da madeira (Fomitoporia mediterranea), o mesmo que obrigou a principios de ano á tala dos árbores da zona infantil do parque da Igrexa", indica o goberno local.


Explica que a presenza de Fomitoporia mediterranea foi advertida pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo de referencia dependente da Deputación de Pontevedra, cando se fixo o informe das árbores do parque da iglesia. "Trátase dun fungo patóxeno da madeira que provoca podremia branca no interior do tronco e das pólas principais, debilitando de forma irreversible a estrutura do árbores. A infección non presenta síntomas externos evidentes ata fases moi avanzadas, polo que o risco de colapso é imprevisible".


Non existe ningún tratamento curativo eficaz, apunta, contra este fungo nin técnica que permita recuperar a madeira afectada, "e manter os exemplares suporía unha grave irresponsabilidade en termos de seguridade cidadá, especialmente nun espazo público

con tránsito peonil como é a Avenida do Parque". “Ignorar este risco sería unha grave

irresponsabilidade”, sinala a rexedora


Sobre a falta de transparencia que denuncia o BNG, "é necesario recordar que dende a presentación pública do proxecto, o Goberno local explicou a situación dos árbores, e os motivos que fan necesaria a súa substitución, tanto por razóns de seguridade como de viabilidade técnica, xa que ademais do risco fitosanitario, o sistema radicular destes exemplares está deteriorando gravemente o firme da avenida, e calquera reforma que

non actúe sobre esta cuestión estaría condenada ao fracaso".


“Se quixeramos manter os árbores, teriamos que cortar unha parte importante das raíces, debilitándoos aínda máis. Tan só é necesario comprobar o estado actual do pavimento da zona dos taxis para entender o alcance do problema”, explica a alcaldesa.


Publicidade


Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ademais, apuntan "é rotundamente falso que se vaian substituír estes árbores por outros de pequeno porte. O orzamento do proxecto contempla a plantación de 16 novos árbores de 35 cm. de perímetro, tanto na zona afectada como no resto da avenida, cuxa especie será definida na fase de execución pola dirección facultativa. A maiores, o Concello incorpora como mellora no contrato a plantación de 10 exemplares adicionais de 40 cm. de perímetro, que se executarán sempre que as empresas licitadoras os oferten".


O proxecto tamén prevé, subliña, o transplante dos exemplares sans que se vexan afectados polos novos trazado das obras, seguindo a mesma liña que se aplicou noutras actuacións, como a da Avenida Arturo Pérez Lázara ou a plaza Juan Salgueiro na Bandeira, onde todos os árbores retirados foron reubicados noutras zonas. “Esta práctica aplicámola en todas as obras, por respecto ao noso patrimonio natural”, subliña a alcaldesa.


"Resulta, por tanto, inadmisible que o BNG manipule a información, malia coñecer os detalles do proxecto. Expliqueillo persoalmente e teñen acceso a todo o proxecto. Aínda así, utilizan imaxes de árbores pequenos que nin forman nin formarán parte do proxecto, coa única intención de crear confusión e rexeitamento social”, denuncia a alcaldesa.


O Goberno municipal reafirma o seu compromiso coa protección e coidado dos espazos verdes urbanos, sempre desde a responsabilidade, o rigor técnico e a prioridade pola seguridade da veciñanza. E rexeita con contundencia "calquera campaña baseada na mentira e no bulo como ferramenta política. Cortamos por este fungo as árbores do parque evitando así un perigo para os mais pequenos, e curiosamente non houbo ningunha campaña dos nacionalistas. Agora, polo mesmo motivo, queren facer política. Gústalles máis un titular que a seguridade da xente”, afirma a alcaldesa Paula Fernández Pena.


Publicidade


Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.


Visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas


Por outra banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou onte coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, o convenio de colaboración para a execución das obras de mellora da mobilidade peonil na avenida do Parque deste municipio. De acordo a este acordo, a Xunta financiará con case 105.000€ esta actuación, cuxo investimento total se eleva a preto de 750.000€.


A intervención permitirá a transformación integral da contorna da avenida do Parque, coa modernización das infraestruturas, a creación de novos espazos públicos accesibles e a mellora da eficiencia dos servizos urbanos.

O Goberno galego contribuirá á financiación da actuación coa achega do 14% do orzamento, preto de 105.000€, mentres que e o Concello de Silleda aportará o 6% do investimento total previsto e a Deputación de Pontevedra achegará preto de 598.000€, equivalente ao 80% do investimento previsto.


A conselleira destacou este convenio como “exemplo de colaboración entre administracións” e lembrou que a Xunta está a apoiar actuacións como a prevista en Silleda “que contribúan a recuperar espazos públicos dos nosos concellos para transformar o territorio, na procura dun urbanismo sostible e responsable”. Allegue subliñou neste senso o proxecto a desenvolver na avenida do Parque, que permitirá humanizar espazos, mellorar a accesibilidade e acadar espazos máis seguros para a veciñanza, para a revitalización da contorna.


A intervención

A avenida do Parque é unha das principais arterias do casco urbano de Silleda e vertebra a mobilidade entre espazos clave do municipio, como a área comercial e hostaleira do centro urbano, xeradora de actividade económica e social, e diversas zonas residenciais e equipamentos públicos fundamentais, incluíndo o parque central, a igrexa parroquial e diferentes espazos culturais. Coa actuación prevista, mellorarase a accesibilidade, seguridade viaria e adecuaranse os servizos públicos.


O proxecto integra unha serie de intervencións, entre elas a humanización e mellora da accesibilidade; a modernización de infraestruturas subterráneas, incluíndo o soterramento do cableado eléctrico e de telecomunicacións, a renovación da rede de iluminación pública con luminarias LED; a creación dunha zona verde; a renovación da pavimentación con pedra natural ou a ampliación dos servizos culturais, coa apertura da igrexa parroquial cara á Rúa Santa Olaia, xerando un espazo aberto con escalinatas tipo auditorio para eventos culturais ao aire libre.


O proxecto enmárcase dentro das políticas municipais de transformación urbana sostible e accesible, aliñándose co Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Silleda, co Plan de Acción para a Axenda 2030 e co programa Cinto Verde, unha estratexia municipal que busca conectar todo o casco urbano a través de rúas humanizadas, accesibles e sostibles.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page