O BNG de Silleda inicia unha campaña para frear a tala de árbores na Avenida do Parque
- ecosdacomarca

- 29 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Silleda vén de poñer en marcha unha campaña nas redes sociais para reclamar ao goberno municipal a modificación do proxecto de reforma da Avenida do Parque, "que contempla a tala de 12 árbores de gran porte que actualmente ofrecen sombra e frescor ás veciñas e veciños da vila".

A campaña arrancou coa publicación dun vídeo nas redes sociais do BNG, no que se alerta sobre o impacto ambiental e económico desta decisión. A portavoz do grupo municipal, Erea Rey, solicita ao goberno local que reconsidere a tala, argumentando que “non ten ningún sentido, nin ambiental nin económico, eliminar árbores que xa existen para plantar outras novas”.
Desde o BNG sublíñase a importancia de protexer as árbores de gran porte nos espazos
urbanos, xa que contribúen a mitigar as illas de calor, melloran a calidade do aire e permiten o goce das rúas mesmo nos meses máis calorosos. A eliminación destas árbores suporía un retroceso na loita contra o cambio climático e na mellora do benestar cidadán.
Publicidade
Ademais, o grupo nacionalista denuncia "o despilfarro económico que implica esta actuación". "Segundo os datos dispoñibles, o custo da tala ascende a 1.000 euros, aos que hai que engadir 17.000 euros para a compra de árbores de baixo porte e incluso outros 10.000 euros para árbores de gran porte". “É incomprensible gastar máis de 28.000 euros en eliminar árbores vivas e consolidadas para substituílas por exemplares novas que tardarán anos en ofrecer os mesmos beneficios”, sinalan desde o BNG.
Erea Rey lembra que estas son as últimos árbores de gran porte que se poden ver no centro da vila, e fai un chamamento á cidadanía de Silleda para que se sume á campaña "e evite que se repita unha escena como a tala da carballeira da Praza da Feira Vella, que en nome dun falso progreso deixou ao pobo sen un dos seus espazos máis emblemáticos".
Publicidade
O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa do patrimonio natural e urbano de Silleda, e esixe ao goberno municipal que escoite á cidadanía e revise canto antes o proxecto de reforma da Avenida do Parque.








Comentarios