top of page

O goberno de Melide xunto ao PSOE piden que se modifique o proxecto da igrexa de San Pedro

Os tres voceiros municipais comparten totalmente o criterio do Museo da Terra de Melide que xa ten manifestado estes días


Ecos da Comarca/Melide

Este martes, o goberno municipal de Melide (AM e BNG), xunto ao PSdG- PSOE, rexistraron unha moción que será tratada no vindeiro pleno a celebrar a comezos de outubro relativa ás intervencións previstas por parte da Xunta de Galiza na igrexa parroquial da vila. As tres formacións políticas comparten a preocupación por varios aspectos recollidos no proxecto “Obra de restauración da igrexa de San Pedro, convento do Sancti Spiritus, Melide (A Coruña), cofinanciado pola Unión Europea nun 60 % do gasto elexible, no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027”.

Visita do conselleiro José López para anunciar as obras en días pasados.
Visita do conselleiro José López para anunciar as obras en días pasados.

Ana Mosteiro (BNG), Xosé Igrexas (AM) e Mónica Barral (PSdG-PSOE) coinciden en valorar de xeito positivo a actuación prevista sobre a estrutura e humidades que veñen de vello na igrexa, pero non apoian os traballos de revocado das paredes exteriores da igrexa e posterior caleado de branco porque entenden que iso provocaría un desafortunado impacto visual na contorna da Praza do Convento que acolle un importante patrimonio histórico-artístico que se vería moi afectado.


Os tres voceiros municipais comparten totalmente o criterio do Museo da Terra de Melide que xa ten manifestado estes días: “Resulta totalmente incoherente co discurso histórico e coa tendenza da fábrica desta edificación, porque segundo a documentación NON CONSTA que tivera recebo en ningún momento. O recebo de tamaña superficie provocaría, de igual xeito, un necesario mantemento da mesma: repintado, problemas de desconchados, liques e manchóns provocados polas inclemencias meteorolóxicas, que non queda claro neste proxecto, quen sería o encargado de manter e custear, provocando así, que a fachada luza descoidada e sucia”.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Consideran, tal e como se recolle no texto da moción, que é o intre de sumar esforzos e iniciar cantas accións sexan necesarias por parte das diferentes formacións políticas con representación no Concello de Melide para conseguir que a Xunta de Galicia escoite, recapacite e modifique o proxecto..


O vindeiro Pleno do Concello de Melide deberá votar e adoptar dos seguintes ACORDOS recollidos na moción:

1. Apoiar, valorar e agradecer as obras de restauración promovidas pola Consellaría de Cultura para corrixir as deficiencias estruturais e de humidades que padece o inmoble dende hai moito tempo.

2. Instar á Consellaría de Cultura á modificación do proxecto para suprimir do mesmo as obras de revocado e posterior branqueado das paredes exteriores do Convento de Sancti Spiritus, destinando o importe resultante a outras intervencións de restauración na Igrexa.



PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A voceira do BNG, Ana Mosteiro, mantivo o pasado venres unha xuntanza no Museo da Terra de Melide á que tamén acudiu a parlamentaria do BNG, Iria Carreira. A deputada nacionalista comprometeuse a levar este tema ao Parlamento Galego coa máxima urxencia posto que o inicio das obras na igrexa parroquial semella inminente. Ana Mosteiro agarda “que impere o sentido común e o PP de Melide apoie tamén esta moción no vindeiro pleno. Sería importante e desexable que fose aprobada por unanimidade”.


NOTICIAS RELACIONADAS:





Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page