Máis de 50 artesáns de diferentes oficios e 30 expositores de produtos de alimentación
participarán nesta cita protagonizada pola Artesanía de Galicia, a gastronomía e a
música
Laura Moure/Agolada
A Xunta de Galicia presentou esta mañá a programación do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que celebrara a súa décima edición os días 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada.No acto participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o alcalde de Agolada, Luis Calvo, e outros membros do PAYJ.
Manuel Heredia destacou durante o acto como nestes dez anos o Corazón da Artesanía
se está a consolidar no evento de referencia na promoción dos oficios de Artesanía de
Galicia, con especial atención aos máis tradicionais, e destacou que esta iniciativa foi
recoñecida nos Premios Nacionais de Artesanía 2022, nos que resultou finalista do Premio
Promociona para Entidades Públicas.
O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a
impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de
calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura,
o deseño ou a gastronomía. “A súa orixinalidade e posta en escena permítenlle
consolidarse como motor da dinamización socioeconómica, da conservación e da
transmisión da tradición, da difusión da cultura e da promoción turística de Galicia”, sinalou
o director xeral.
En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da
Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con
demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que xunta
gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para
todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.
Na edición deste ano está prevista a participación de máis de 50 profesionais de Artesanía
de Galicia, 40 como expositores e outros 16 artesáns que participarán como docentes nos
cursos de formación e talleres abertos, entre os que se atopan 10 obradoiros que están
presentes por primeira vez neste evento.
Oficios
Entre os oficios artesanais que estarán representados atópanse a xoiería e ourivería, a
sombreirería, os instrumentos musicais, a olería, a cerámica, a elaboración de zocos, a
marroquinería, o téxtil, a elaboración de redes, o traballo coa madeira e co papel, a forxa, a
cestería, as tellas e mais os labores de palla. No programa de actividades inclúense cursos
especializados que precisarán inscrición previa –e que estarán relacionados coa cestería,
co tecido, co coiro, coa estampaxe e coa marquetería– e talleres abertos para todos os
públicos relacionados con diferentes oficios como a cestería, a madeira, a cerámica, o
tecido, o encaixe e a elaboración de figuras de miga de pan.
Entre o público previsto para esta décima edición inclúese a visita de tendas estranxeiras
especializadas na decoración de interiores –entre as que se atopan unha de Londres e
outra de Estocolmo– xornalistas especializados en tendencias e decoración,
representantes de institucións vinculadas á artesanía, prescritores e tendas de diferentes
puntos de España.
Como xa é habitual, o Corazón da Artesanía incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, un
proxecto que botou a andar no 2013, co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía,
gastronomía e deseño. A oferta gastronómica completarase coa participación de 30
expositores de produtos de alimentación gourmet, catro food trucks e diferentes postos de
alimentación que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.
O programa do Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de
Galicia complétase con espectáculos e concertos musicais que terán lugar na Praza do
Concello durante os tres días do evento.
NOTICIA RELACIONADA:
Aberta a inscrición para os cursos especializados do Corazón da Artesanía: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-abre-a-inscrici%C3%B3n-para-os-cursos-especializados-do-encontro-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-en-agolada
Commentaires