top of page

A Xunta abre a inscrición para os cursos especializados do encontro Corazón da Artesanía en Agolada

A Fundación Artesanía de Galicia organiza oito actividades formativas centradas na cestería, no tecido, no coiro, na estampaxe téxtil, na marquetería, no debuxo e máis un obradoiro práctico sobre decoración de mesas


Laura Moure/Agolada

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación abre o prazo de inscrición do seu programa de formación especializada para artesáns que se vai desenvolver no Corazón da Artesanía. X Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra). Trátase de oito cursos centrados na cestería, no tecido, no coiro, na estampaxe téxtil, na marquetería, no debuxo e máis un obradoiro práctico sobre decoración de mesas. Para todos eles é precisa a inscrición previa e as solicitudes xa se poden realizar a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

O cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), artesán colaborador habitual coa marca Loewe, impartirá un obradoiro de Técnicas de cestería con xesta en espiral dirixido a profesionais ou interesados con coñecementos previos. Tamén relacionado coa cestería está o obradoiro Garrafón forrado con fibras de cores, a cargo de Belén Martínez, de Casa Atlántica (Redondela). O curso está dirixido a profesionais da artesanía, deseñadores e interesados no oficio da cestería.

Miriam Fernández, do obradoiro Fusaiola (Vilalba), impartirá un obradoiro de Técnicas de fepado ou gorullo, técnica tradicional de tecido en bucles. Está dirixido a profesionais e a público xeral interesado na artesanía téxtil. Tamén relacionado co téxtil está o curso de Técnicas de estampaxe téxtil e cor que impartirá Natalia Moreno de Espacio Hylica (Baiona), para profesionais e público interesado. Isaac Romero, do obradoiro CoIRaxe (Vigo) dirixirá un taller de Trenzado en coiro para profesionais e público xeral.

Pola súa banda, o luthier Régis Floury, de Espacio Hylica (Baiona) impartirá un obradoiro de Iniciación á marquetería no que se verán tres grandes técnicas de marquetería tradicional aplicadas a un taboleiro de xadrez. Por último, o ilustrador Santi Sallés (Barcelona) será o encargado de guiar o obradoiro Diario gráfico Corazón da Artesanía, no que os participantes irán debuxando nun caderno o que ocorra nesta décima edición do Corazón da Artesanía. O domingo pola mañá celebrarase un concurso entre os diarios elaborados e a persoa gañadora recibirá un lote de produtos de Artesanía de Galicia. Este taller está dirixido a interesados no debuxo e na ilustración.

Todos estes cursos celebraranse durante os tres días do encontro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e terán un custo de 35 euros, agás no caso do Diario Gráfico, cuxo custo será de 20 euros. Por último, tamén precisará inscrición previa o obradoiro de decoración de mesas, que terá lugar o venres 7 de xullo, de 18:30 a 20:30 horas. Esta actividade está impartida por Rosana Agrelo (Pontevedra), directora de arte.

Obradoiros abertos A programación do Corazón da Artesanía, como xa é habitual, inclúe tamén obradoiros de carácter gratuíto, abertos ao público infantil e adulto. O artesán Jorge Bellón (Santo André de Teixido, Cedeira) será o encargado de dar a coñecer a historia das tradicionais figuras elaboradas con miga de pan, os sanandresiños, e de guiar os participantes na elaboración destas pezas. Pola súa parte, o artesán Guillermo Silvent, do obradoiro Artesanía Silvent (Caldas de Reis) guiará un taller de Remate de xoguetes de madeira, mentres que a actividade de Iniciación ao torno cerámico correrá a cargo de varios ceramistas: Nerea Carpente, do taller Peixe Nero (Covelo), Carlos San Claudio (Vigo) e a Asociación Galega da Cerámica e outras artesanías A Escola (Gondomar).

A cesteira Idoia Cuesta – gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022 – e mais Sara Regal –gañadora da categoría Talento Emerxente nos III Premios Galicia de Innovación e Deseño– serán as encargadas de guiar unha instalación colectiva temporal utilizando materiais vexetais. Neste taller combinaranse técnicas tradicionais de cestería coa experimentación de diferentes enfoques formais manipulando materiais da agricultura local de Galicia, asegurando a súa sustentabilidade e respecto polo entorno. A participación estará limitada a un máximo dunha hora por persoa.

María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), ofrecerán un obradoiro de tecido colectivo de tapices nun gran bastidor cúbico; e Lara Pasantes, de Fiando Miúdo (A Coruña) realizará unha demostración participativa na que as persoas que se acheguen poderán coñecer as principais técnicas para a elaboración de encaixe de Camariñas. O horario de todos estes obradoiros abertos coincide co horario do Corazón da Artesanía, de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e non requiren de inscrición.


NOTICIA RELACIONADA:


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page