A Xunta supera os 4.600 proxectos atendidos na Rede de polos de emprendemento que conta con 15 centros
- ecosdacomarca
- hace 6 minutos
- 2 Min. de lectura
Hai oficinas en Ferrol, Coristanco, Melide, Vilanova de Arousa, Silleda, O Porriño, Friol, Mondoñedo, A Fonsagrada, Sarria, Monforte de Lemos, Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Baños de Molgas
Ecos da Comarca/Xeral
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia supera os 4.600 proxectos atendidos desde a súa posta en marcha en xullo de 2022. Por sectores, predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). A Rede ten por obxectivo impulsar e consolidar proxectos vinculados a cada territorio independentemente da fase na que se atopen, ofrecendo acompañamento e asesoramento gratuíto, unha metodoloxía común validada e adaptada a cada iniciativa e titorización con profesionais expertos. Así, ás persoas que os promoven —un 58% son mulleres— téñenselle prestado máis de 13.500 titorías, tanto de maneira presencial como telemática.

A maiores, téñense realizado case 1.100 reunións con diversas entidades, máis de 280 accións formativas e uns 290 eventos.
En concreto, actualmente funcionan un total de 15 oficinas deste tipo. Así, hai tres Polos na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), tres máis en Pontevedra (Vilanova de Arousa, Silleda e O Porriño), cinco na provincia lucense (Friol, Mondoñedo, A Fonsagrada, Sarria e Monforte de Lemos) e catro máis na de Ourense (Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras e Baños de Molgas).
Accións a prol da remuda xeracional
Dentro da Rede de polos, destacan medidas como Bolsa de remuda de negocios, un servizo que facilita a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade.
A través del, a Rede de polos ofrece un acompañamento especializado ao longo de todo o proceso de remuda ou transmisión de negocios xa en funcionamento en Galicia, proporcionando asesoramento, axilidade e apoio técnico. Ademais, a Bolsa de remuda funciona tamén como un escaparate de oportunidades reais para aquelas persoas que desexan poñer en marcha un proxecto empresarial sólido e viable, reducindo os riscos asociados á creación dun negocio desde cero.
APOIO AO XORNALISMO PALESTINO
Outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios é o Bono Remuda, un dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas —dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro—. Está orientada a facilitar a transmisión de negocios rendibles a prol da remuda xeracional e da vertebración do territorio e conta cun orzamento total de máis de 1,2 millóns de euros.
Publicidade
Concrétase con dúas liñas, o Bono remuda rural —para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para negocios situados en municipios de 10.000 ou máis habitantes— e nesta edición, como novidade destacada, inclúe axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación, ademais das incluídas para quen asume a empresa.
Comentarios