O CPXG condena as agresións a xornalistas nas concentracións por Ceuta
- ecosdacomarca

- hace 15 minutos
- 2 min de lectura
Chama a frear a escalada de violencia contra a profesión
Ecos da Comarca/Xeral
O CPXG condena as agresións a xornalistas nas concentracións por Ceuta e chama a frear a escalada de violencia contra a profesión
Polo menos dous informadores foron insultados e ameazados en Santiago e Lugo nas concentracións convocadas este mércores pola FEMP en apoio a Ceuta, producíndose feitos similares nas convocatorias doutras comunidades. O Colexio de Xornalistas rexeita estas agresións e fai un chamamento a toda a cidadanía para frear o odio e a violencia crecentes contra a profesión, fomentados por intereses espurios e antidemocráticos. ![]() A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia condena de maneira enérxica os insultos e ameazas recibidos por dous compañeiros da Cadena Ser que estaban a cubrir as concentracións por Ceuta realizadas este mércores en Lugo e Santiago de Compostela, convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). No caso da xornalista luguesa, as agresións verbais obrigárona a abandonar unha determinada zona da concentración, limitando o seu dereito a informar.
Estas son as dúas agresións das que o Colexio de Xornalistas tivo noticia en Galicia até este momento, mais en varias concentracións similares noutros lugares do Estado producíronse outros ataques a xornalistas que deben facernos reflexionar sobre a preocupante sistematicidade deste comportamento. A profesión leva anos advertindo do aumento e a normalización da violencia contra as e os comunicadores nas manifestacións, alimentada por un clima de discursos de odio crecentes, sinalamento de xornalistas por parte de líderes políticos e sociais e cuestionamento interesado da información.
Como calquera profesional, as e os xornalistas poden ser criticados polo exercicio do seu traballo, e existen vías lexítimas para facelo. Mais a violencia contra quen garante un dos dereitos fundamentais da cidadanía, o de estar informada, só pode levar a unha sociedade menos libre e democrática. Tras o fomento do odio contra os e as profesionais da comunicación agóchanse intereses que fomentan políticas totalitarias, e se estes triunfan perde toda a poboación. Cómpre deter, inmediatamente, a escalada de violencia que estamos a ver contra xornalistas e medios.
Na loita contra este tipo de comportamentos é preciso implicármonos todas e todos. Os poderes públicos deben vixiar o respecto á liberdade de información e instar as forzas de seguridade a protexer en todo momento o labor das e dos xornalistas. As organizacións, a sociedade civil e a cidadanía teñen que condenar calquera tipo de agresión e frear o clima de odio contra a profesión. As empresas mediáticas han de poñer medidas que garantan a seguridade do seu cadro de persoal. E a profesión xornalística, en fin, debe velar polo cumprimento da deontoloxía e sinalar aquelas cabeceiras e persoas que, disfrazándose de profesionais, só se dedican a difundir desinformación e odio. Se periga o valor irremprazábel do xornalismo como piar democrático e fiscalizador da sociedade, o que está en xogo a nosa liberdade.
Xunta de GobernoColexio Profesional de Xornalistas de Galicia |







Comentarios