O BNG solicítalle ao goberno lalinense o arranxo urxente da ponte da Chapacuña de Ramiro
- ecosdacomarca

- 10 nov
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG solicítalle ao goberno lalinense o arranxo urxente da ponte da Chapacuña de Ramiro. Sinala que a Trigueira "tamén e vítima do abandono, unha constante no rural de Lalín, coa súa ponte caída fai meses sen que dende o Concello se tomen iniciativas para o seu restablecemento".

Apunta que as denuncias reiteradas sobre o estado da ponte que atravesa o río Deza preto do seu nacemento, "non teñen efecto algún sobre o goberno de Lalín, que ignora o derribe de parte da infraestrutura durante meses". “Xa no pasado inverno as enchentes levaron consigo pedras da ponte” recoñece a concelleira Ariadna Fernández, temerosa do que poida pasar este ano. “É probable que a chegada das choivas ameace o estado da ponte e dende o BNG "non temos claro que efectos poden ter futuras enchentes, nin que as pedras que aínda están no seu sitio se manteñan”. Dende o BNG urxen medidas para
reparar o estado da infraestrutura, coidando unha parte de riqueza incuestionable do noso
concello, "que sofre un desleixo moi evidente".
Publicidade
Segundo Fernández, non é preciso grande investimento material nin de medios humanos e económicos para devolver as pedras ao seu lugar, o que aínda lle parece máis grave. “O desentendemento do goberno co rural non é novidade, máis as escusas para a inacción son que se require de grandes gastos para lévalas a cabo, neste caso non existe sequera esa razón para non poñer uns medios mínimos da súa parte” insiste Ariadna Fernández, que ven de visitar a zona hai escasos días e falar con veciños e veciñas.
O BNG insta, polo tanto, a poñer remedio de xeito urxente a este derrubamento antes da chegada do inverno, que complicaría tanto o acceso coma o estado da ponte. “Non podemos pretender que a xente quede no rural se despois non miramos para os seus veciños e veciñas e as súas necesidades, sexan cales sexan máis que nas épocas preelectorais, trátase dunha actitude que amosa o desleixo crónico que vivimos”.







Comentarios