O BNG rexistra iniciativas para acelerar os procesos de reestruturación parcelaria en Lalín
- ecosdacomarca

- hace 8 horas
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG rexistrou recentemente iniciativas no Parlamento de Galicia ao respecto da necesidade de acelerar os procesos de reestruturación parcelaria en Lalín, tal e como informa a deputada nacionalista lalinense Ariadna Fernández.
Fernández salienta que a comarca do Deza-Tabeirós e Terra de Montes leva sendo un referente en canto ás producións gandeiras ao longo da nosa historia, cunha localización privilexiada para favorecer e fomentar estes sectores produtivos que, sen embargo, non parece ser abonda para conservar esta actividade no territorio. "No caso particular do concello de Lalín, o sector gandeiro é un exemplo en distintas producións sendo destacable o sector do porcino e a avicultura, ao igual que a produción de carne de vacún ou de leite, esta última cun potencial que se sitúa entre a realidade das pequenas e medianas explotacións de gando frisón e as de maior tamaño, onde a tecnoloxía e a tradición se mesturan para situarnos na vangarda dentro e fóra das nosas fronteiras".

As cifras do concello lalinense resúmense, tal e como apunta a nacionalista, en máis de 500 explotacións gandeiras que dan lugar, segundo os últimos datos que achega o IGE, a case 600 empresas dedicadas á agricultura que, en termos de afiliacións á SS. "Esta parte da nosa economía aporta case 900 afiliados, polo que se trata dun eixo vertebrador fundamental, tanto do rural e da súa continuidade do xeito en que o coñecemos, coma da nosa actividade económica, que resulta un piar imprescindible, tanto para os titulares das propias explotacións coma para o resto de empresas relacionadas co sector e que se desenvolven ao redor das necesidades deste".
E lamenta que "a incapacidade para influír sobre o devalo do rural é manifesta, sen termos unha política de desenvolvemento do mesmo, con resultados tanxibles que amosen os seus efectos positivos no presente, nin unhas política agrogandeiras que fixen poboación,
aumenten a rendibilidade das nosas explotacións e manteña vivas polo menos as xa
presentes no territorio. Exemplos desta fenda entre o goberno e a poboación é a incapacidade para favorecer unha das actividades económicas chave no concello de Lalín, onde os procedementos de concentración parcelaria son lentos e moi burocratizados, onde non se favorece a implantación de industrias transformadoras que lle dean vida e maior rendibilidade ao sector a través dos seus produtos derivados, ou onde os servizos do rural se sitúan moi lonxe dos que existen na nosa zona urbana".
E insiste en que "o pouco interese sobre o desenvolvemento rural e o aproveitamento das súas posibilidades, ao igual que as políticas agrogandeiras instaladas nun sector que evolucionou a moita maior velocidade que a administración, non favorecen en absoluto ao
sector gandeiro lalinense, que perde granxas a un ritmo moi elevado e que deixa atrás o
territorio, implicando un grave risco para a proliferación das vagas de lumes, co que iso
implica a nivel medioambiental, económico e social".
Publicidade
Os datos dos procedementos de concentración parcelaria de Lalín, recalca Fernández, "son alarmantes con algo menos de 900 hectáreas co proceso rematado fronte a máis de 10.000 incluídas durante anos nos distintos estadios da ordenación territorial sen seren finalizadas nas distintas parroquias, moitas delas con grande implantación da gandería. Entre o 92% das hectáreas que están neste momento nalgún dos pasos da concentración, encóntranse Vilatuxe ou Santa Baia de Losón, agardando no primeiro caso dende hai máis dunha década pola entrega dos títulos de propiedade, que chegan agora despois de seren decretadas o 20 de setembro do 2001, co que iso implica á hora de dispoñer dos terreos e ter seguridade xurídica por parte dos propietarios/as. Sitúase así o concello con 8 parcelarias en desenvolvemento, algunhas comezadas fai 25 anos, sen que se invista o necesario nelas e non acaben de resolverse".
E insiste en que "a necesidade de terra agraria coarta a actividade e o futuro das granxas, condena aos labregos á dependencia de insumos externos e polo tanto reduce a capacidade de evolucionar de moitas granxas. Dende o goberno non se lle aportou ao sector primario lalinense as ferramentas para traballar de xeito cómodo e o máis rendible posible, sen solucións a curto nin a longo prazo".
Por todo o exposto formúlanse as seguintes preguntas para resposta escrita:
Considera a Xunta de Galiza que apoiou e apoia de xeito eficaz ao sector agrogandeiro do Concello de Lalín en canto á súa reestruturación e concentración parcelaria tendo en conta os datos actuais?
Cal foi o investimento en concentracións parcelarias no concello de Lalín
executado nos últimos dez anos por parte do AGADER?
Considera a Consellería de Medio Rural que a falla de formación profesional ao
respecto do sector agrogandeiro no concello de Lalín e do resto da comarca, favorece a
continuidade desta actividade?
Como valora a Xunta de Galiza o descenso no número de explotacións gandeiras
no concello de Lalín ao respecto da súa influencia social, territorial e económica?
Publicidade
Así mesmo, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate na Comisión 7ª:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a:
1. Impulsar os procesos de concentración parcelaria do concello de Lalín, comprometéndose a investir 5 millóns de euros nos orzamentos vindeiros que favorezan
especialmente o remate das xa comezadas.
2. Dotar a Lalín da oferta do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, do Ciclo Medio de Produción Agropecuaria e do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica, cubrindo a demanda de toda a comarca e favorecendo a continuidade das explotacións agrogandeiras.
3. Elaborar un informe sobre o estado destas concentracións e a evolución ao longo da última década que nos permita avaliar se os gandeiros son beneficiarios destes procesos, con comparativas entre distintas zonas do concello e a súa evolución en canto á presenza de explotacións economicamente viables e con relevo xeracional e datos concretos sobre a superficie agraria útil media coa que contan os nosos gandeiros e gandeiras.”








Comentarios