top of page

O BNG pide incluír na rede de escolas infantís de xestión autonómica os PAI de Agolada e Rodeiro

Ecos da Comarca/Lalín

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputadas Ariadna Fernández González e Olalla Rodil Fernández, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta unha Proposición non de lei para debate na Comisión 5a, sobre puntos de atención á infancia na comarca do Deza.


"O evidente declive poboacional galego trasládase tamén á comarca do Deza- Tabeirós- Terra de Montes, onde os datos do IGE nos avalan para confirmar que a crise demográfica está deixando aos concellos de menor número de habitantes baleiros, con medias de habitantes en Rodeiro de 20hab/km2 e en Agolada de 18hab/km2, por exemplo. Ao abeiro do recente informe do Consello de Contas, onde se evidencia a falla de medidas concretas e políticas que combatan a despoboación a través da definición dos parámetros do que significa o propio “reto demográfico”, podemos constatar que os concellos de pequeno tamaño e carácter mais rural chegaron a un escaso 14% dos fondos destinados a combater de xeito integrado as diferencias territoriais existentes no país. Desta maneira, os concellos coma os citados anteriormente carecen de ferramentas para a fixación de poboación, que non goza dos mesmos servizos dependendo do seu lugar de residencia", indican.

ree

Un dos servizos chave, subliña, e que se ve moi resentido nas zonas máis despoboadas nesta comarca do interior "é o da conciliación, onde as prazas públicas de escola infantil son insuficientes para acoller a demanda existente por parte das familias, coma queda demostrado en cada prazo de matriculación que se abre, tanto nas cabeceiras de comarca coma no resto dos concellos, onde as listas de agarda son sempre numerosas se

comparamos as crianzas que precisan do servizo".


Para paliar este tipo de políticas que deixan atrás aos concellos máis pequenos, algúns deles, coma poden ser Rodeiro e Agolada, ofertan un servizo de escolarización de 0-3, a través dos Puntos de Atención á Infancia, cuxo investimento económico para levar a cabo a gratuidade que a Consellería de Política Social anuncia, recae, en moita medida, sobre os propios Concellos onde se sitúan os PAI. Para os concellos de menos de 5.000 habitantes, cun crecemento vexetativo menor ao 10% e cunha taxa de variación da poboación entre 2016 e 2021 do 0% e unha densidade do 20% ou inferior, que son os máis necesitados de medidas urxentes contra a crise demográfica, este investimento de diñeiro para o pago da escolarización gratuíta das súas crianzas, é unha cantidade difícil de asumir e que non debera corresponderlles a eles, se non á Xunta de Galiza, dentro da estratexia da prestación de servizos nos concellos máis pequenos e rurais.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.


Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate na Comisión 5a:

“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:

1. Garantir o aporte necesario aos concellos de Agolada e Rodeiro para que se sufrague o total dos gastos dos PAI sen repercutir nestes, de xeito que non mingüe a súa capacidade orzamentaria.

2. Garantir a gratuidade da escolarización infantil en Agolada e Rodeiro, de xeito que a Consellería de Política Social cubra o custe total da prestación de servizos de conciliación familiar en concellos de menos de 5.000 habitantes e colabore no xeito de afrontar o reto demográfico.

3. Incluír coma parte da rede de escolas infantís de xestión autonómica os PAI de Agolada e Rodeiro.”


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page