top of page

O BNG exíxelle á Xunta recuperar a praza de profesorado no CEIP Mestre Pastor Barral de Melide

30 sept
3 min de lectura

Iria Carreira alerta de que a supresión da praza deixa ao alumnado de 3º de Primaria sen titoría e obriga a repartir esta función entre tres docentes


Ecos da Comarca/Melide

O BNG esixiulle á Xunta recuperar de inmediato a praza de profesorado eliminada no CEIP Mestre Pastor Barral de Melide, garantindo unha titoría en 3º de Educación Primaria e os recursos docentes necesarios para atender adecuadamente o alumnado do centro. A deputada nacionalista Iria Carreira, levou á Comisión 4ª do Parlamento galego a situación deste colexio, que iniciou o curso 2026/2027 cunha redución do seu cadro de profesorado tras perder unha praza de francés. A comunidade educativa leva vinte xornadas mobilizándose contra esta decisión da Consellería de Educación, con concentracións diarias ás portas do centro e cunha importante participación do alumnado, que durante estas xornadas deixou de acudir ás aulas en protesta pola retirada da praza.

A deputada nacionalista Iria Carreira.
A deputada nacionalista Iria Carreira.

A supresión desta praza ten como consecuencia directa que as 23 crianzas de 3º de Primaria queden sen titor ou titora asignada. Ante esta situación, a proposta da Consellería pasa por repartir a titoría entre tres docentes do centro: o profesor de Educación Física, a profesora de Música e a directora, especialista en Inglés.


Carreira cuestionou que esta sexa unha solución adecuada e advertiu de que a decisión da Xunta obriga o profesorado especialista a asumir tarefas docentes fóra da súa área de especialización.  “As crianzas de terceiro non van ter un titor, van ter tres. A persoa que lles dea Matemáticas non vai saber como len esas crianzas ou que comprensión lectora teñen, mais terá que solicitar información de todas as áreas para poder facer o seguimento do alumnado”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A deputada subliñou que as consecuencias da eliminación da praza van máis alá das 23 crianzas de 3º de Primaria e afectan á capacidade do centro para atender a diversidade. “O CEIP Mestre Pastor Barral é o único da súa comarca que conta cunha aula específica de atención ao alumnado con necesidades educativas especiais e funciona como centro de referencia para as crianzas con estas características” destacou.


Carreira alertou de que o centro conta con 14 crianzas con necesidades educativas especiais e necesidades específicas de apoio educativo, ademais de cinco casos de dificultades de aprendizaxe e outro alumnado pendente de valoración. A deputada cuestionou así a valoración realizada pola dirección territorial e pola inspección educativa, que, segundo explicou, reduciu as necesidades de atención á diversidade a “apenas cinco” casos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Carreira denunciou tamén que o PP pretenda xustificar a eliminación da praza en función das necesidades concretas do centro cando existe unha praza que corresponde segundo o catálogo de postos e o acordo do ano 2007. “Se non hai que cubrir as prazas porque a Xunta decide en cada momento onde lle convén, para que queremos un catálogo e para que queremos unha normativa?”, cuestionou.


O BNG reclamou á Xunta no Parlamento Galego que que cumpra a propia normativa vixente e recupere a praza de profesorado eliminada no CEIP Mestre Pastor Barral. O PP votou en contra, demostrando “unha vez máis a súa absoluta neglixencia e a súa falta de preocupación polo ensino público galego”.


NOTICIAS RELACIONADAS:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page