top of page

O BNG e o PSOE lamentan que quedaran "40 crianzas fóra das escolas infantís públicas de Lalín"

Ecos da Comarca/Lalín

O BNG e o PSOE de Lalín lamentan que tras a publicación das listaxes provisionais das crianzas admitidas nas escolas infantís lalinenses dependentes da Xunta de Galiza, tanto na que se localiza no Polígono Lalín 2000 coma na escola infantil Pontiñas, a situación de insuficiencia non fai máis que repetirse co paso dos cursos, e que nesta ocasión sinalan que 40 cativos quedarán sen este servizo.


“No 25-26, continuaremos coa situación habitual, onde as prazas de escola infantil son deficitarias, tanto que entre as dúas escolas suman 40 crianzas en listaxe de agarda, de distintas idades, pero que se concentran especialmente na franxa 1-2 anos, aínda que ningún intervalo de idade se libra dese déficit de oferta” asevera a deputada do BNG Ariadna Fernández.

Sinala que a pesares de que o goberno galego "se empeña en chamarlle gratuíto e universal ao servizo de conciliación galego en canto ás escolas infantís a realidade é que curso tras curso temos que lamentar dende o BNG que non hai oferta abonda para a demanda que temos na comarca e en Lalín en concreto. A pesares do parche que se tivo que poñer tras o problema derivado dos conflitos da escola infantil privada Scientia, que deixou aos pais e nais sen servizo o curso pasado sen previo aviso e unha vez comezado o curso escolar, estas prazas creadas non son abondas como se pode comprobar nas listaxes de admitidos colgadas na páxina web da Consellería de Política Social, onde confirman que 40 familias lalinenses quedan fóra da oportunidade da conciliación, un servizo básico, mentres agardamos polas listaxes definitivas que non variarán en exceso".


A realidade, apunta, "é aínda peor, se lembramos que non fai moito, xa comezado o 2025 coñeciamos a nova de que a Xunta de Galiza devolvería fondos europeos procedentes do

mecanismo de recuperación e resiliencia, que tiñan como finalidade a creación de novas

prazas de escolas infantís no noso país".


"Deixar marchar 22 millóns sabendo que temos un servizo deficitario no país, alegando que estes fondos non están creados para nós, é unha burla ás familias galegas, cuxas crianzas quedan fóra deste servizo educativo ano tras ano. Máis o peor é saber que un dos motivos para restituír eses fondos é que non podían usarse para pagar as prazas de escola infantil das escolas privadas, que é o modelo do PP no seu máis puro estilo, levar a gratuidade a través da escolarización privada, cuxa praza nos custa en moitos casos o triplo do que investimos por cada crianza na escola infantil pública” lembra a concelleira e deputada do BNG, lamentando que as medidas do PP se centren na propaganda pero non nos feitos e anunciando que se presentarán iniciativas ao respecto no Parlamento Galego.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Pola súa banda, a voceira municipal socialista, Alba Forno, cualificou onte esta situación de "insostible, que se repite ano tras ano” e que “reflicte o abandono absoluto á conciliación por parte dos gobernos do PP na Xunta e en Lalín”.


Desde o grupo municipal socialista esíxenlle ao goberno de Crespo que se poña á fronte dunha vez por todas desta problemática e que lle reclame á Xunta de Galicia o incremento urxente das prazas nas escolas infantís do concello, “como levamos reclamado cada curso

os socialistas, co fin de dar resposta á toda a demanda existente”.


A voceira socialista lamenta que o PP de Lalín “mire para outro lado” ante esta problemática e “cale ante a inacción da consellería de Política Social”. Así, asegurou que se a competencia das escolas infantís fose do Goberno central “entrarían nunha guerra frontal, pero como depende da Xunta Crespo mantense submiso”. Nesta liña convidou á

conselleira, Fabiola Barbanza, “a regresar a Lalín para dar a cara ante as 40 familias que

non van ter con que deixar os seus nenos e nenas”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Forno recordou que o PP local rexeitou en varias ocasións as propostas do PSdeG para a

creación dunha escola infantil municipal e que perdeu por incapacidade 400.000 euros en axudas do Plan Corresponsables destinadas precisamente a políticas de conciliación. “Para o PP de Lalín isto nunca foi unha prioridade. E agora temos as consecuencias: case

medio cento de familias sen opcións nin no público nin no privado, porque a capacidade

está superada”, advertiu Forno.


A voceira socialista tamén criticou o discurso triunfalista da Xunta de Galicia sobre a gratuidade das escolas infantís: “Gratuítas para quen? A Xunta presume de prazas gratuítas, pero se non che dan acceso e non hai suficientes, de que serve que sexan ‘de

balde’? Ao final son prazas pagadas cos impostos de todos, pero que moitas familias non

poden aproveitar porque simplemente non existen prazas dispoñibles”, subliñou Forno. A concelleira sinala que para os socialistas a conciliación debe que ser un eixo fundamental para o asentamento de poboación no noso concello e para fomentar a natalidade, pero tamén para garantir benestar e calidade de vida ás familias, facendo posible que poidan compaxinar o seu traballo coa crianza.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page