Luis López denuncia "forte inestabilidade" dos gobernos de Silleda, Rodeiro, Agolada e Forcarei
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
O presidente provincial fixo balance no ecuador do mandato e lamentou "que as leas internas, polémicas e loitas de egos provoquen a crise en 16 municipios da provincia"
Ecos da Comarca/Deza
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, fixo balance este martes dos executivos municipais no ecuador do mandato denunciando a forte inestabilidade que padecen os concellos de Silleda, Forcarei, Rodeiro e Agolada, así como outros 12 termos da provincia, con gobernos rotos, divididos ou febles que teñen a súa causa principal nos pactos PSOE-BNG e contrapuxo esta situación coa “boa xestión e bastión de estabilidade e unidade” amosada polas 27 alcaldías populares.
En concreto, indicou que, segundo denuncian os propios partidos integrantes destes gobernos, os seus socios e aliados nas investiduras e os propios medios de comunicación, ademais destes catro termos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, os concellos de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Cangas, Tui, Cambados, O Grove, Caldas de Reis, Salceda de Caselas, A Illa de Arousa, Cuntis e Pazos de Borbén “presentan graves problemas de gobernabilidade”.

O tamén presidente da Deputación de Pontevedra, que compareceu na sede provincial xunto á secretaria xeral do PP pontevedrés, Luisa Piñeiro, lamentou que as leas internas, as polémicas, os asuntos xudiciais, os enfrontamentos e ciumes e as loitas de egos presidan a xestión destes 16 municipios e, como consecuencia, unha forte crise política e institucional nos mesmos. Todo elo, engadiu, "está a prexudicar diariamente a 266.928 veciños da provincia, que están desamparados e desatendidos mentres asisten ao esperpento continuo destes gobernos multipartitos”.
Luis López asegurou que a situación que padecen estes 16 concellos, nos que residen o 28% dos veciños da provincia xurde de acordos entre o PSOE e o BNG “que son pactos tipo feitos en Santiago, que non teñen para nada en conta a situación de cada municipio e que eles mesmos admiten que non están pensados nos cidadáns, senón exclusivamente en que non goberne o PP, que é o único que lles importa”.
Fronte a elo, o presidente provincial puxo como exemplo a xestión, a unidade e a coherencia dos 27 concellos rexidos polo PP -24 con maioría absoluta, dous con pactos estables en Ponteareas e A Guarda e un en minoría en Mondariz pola renuncia da esquerda-, “xa que son gobernos serios, que teñen acertos e tamén erros, pero que están exclusivamente pensados en atender aos cidadáns e onde os conflitos internos nunca son noticia”.
Por elo, anunciou que o PP “non vai deixar desamparados a estes veciños” que sufren a desgobernabilidade destes concellos en crise e garantíu que os populares traballarán arreo para presentar a mellor alternativa e proxectos preparados para gobernar. “Onde só hai división, seremos a resposta”, apostillou.
Publicidade
"Catro focos de conflitividade en Deza-Tabeirós"
No caso das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes, comezaron poñendo o foco en Silleda, que foi “un foco de conflitividade e inestabilidade durante todo o mandato co amago de dimisión de Manuel Cuiña polo desacordo do seu soldo co BNG, a súa renuncia posterior e a súa subtitución por Paula Fernández, que mantén unha relación de enfrontamento permanente co seu socio natural do BNG, como se víu no recente caso do albergue da Bandeira ou na falta de apoio á súa proposta de estratosférica suba do lixo, o que demostra que, máis que gobernar, tenta sobrevivir”.
"A situación máis grave nestas bisbarras padécese en Forcarei cunha grave crise desde o inicio do mandato pola marcha dun concelleiro socialista aos non adscritos polo sectarismo da alcaldesa, o que provoca que a oposición teña máis concelleiros que o goberno, que se recurra ao filibusterismo para convocar plenos tentando que falte algún edil, que as noticias sexan as perdas de subvencións e os impagos e que nin se puideran aprobar os soldos dos tenentes de alcalde”. E a elo, engadiron as críticas públicas recurrentes e periódicas do edil do BNG “polas decisións unilaterais dos socialistas, a falta de cumprimento do pacto de goberno e que non se lle teña en conta, pero é o absoluto responsable e cómplice xa que non fai nada para mudar a situación malia que o ten na súa man”.
Finalmente, tamén lamentaron a división do goberno bipartito de “dous alcaldes” de Rodeiro, "onde se producíu a única ruptura da unidade de voto nunha sesión da xunta de goberno local de entre os 61 concellos da provincia nos dous anos deste mandato, que denota graves diferenzas porque se trata de cuestións de trámite que debían estar faladas previamente” e referíronse á situación de Agolada, "cunha grave crise institucional e política pola condena a prisión e inhabilitación do alcalde, Luis Calvo, polo caso Farelo".
Comments