O BNG de Lalín rexeita o curso que o centro asociado da UNED fará en Lalín sobre o valor da monarquía
- ecosdacomarca
- hace 2 días
- 3 Min. de lectura
A Responsable Local, Mari Fernández, amosa o seu asombro ante a denominación tendenciosa do curso que sitúa o “valor da monarquía” fronte á “turbanza democrática”.
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín manifesta o seu total rexeitamento ao curso que o centro asociado da UNED de Pontevedra ten programado este verán en Lalín, entre os días 21 de 23 de xullo, nas instalacións municipais do parque empresarial Lalín 2000. Este curso foi publicitado nas redes sociais do propio concello de Lalín e leva por título “El valor de la monarquía parlamentaria en tiempos de turbanza democrática”. A Responsable Local do Bng, Mari Fernández, amosa o seu asombro ante a denominación tendenciosa do curso que sitúa o “valor da monarquía” fronte á “turbanza democrática”.
Para os nacionalistas o realmente alarmante aparece cando se le, con detemento, o programa oficial do curso, do que afirman que está cheo de “perlas” propagandísticas
totalmente interesadas. Así detalla que se pretende analizar o papel do rei para entender, textualmente, “por qué la institución resulta tan necesaria en tiempos en que la incertidumbre parece haberse adueñado de nuestros destinos y cuando las prácticas de los actores políticos amenazan con convertir al Parlamento en un lodazal”.

O BNG de Lalín considera "que tal afirmación resulta sumamente perigosa ao afirmar que os representantes da soberanía popular, elixidos democraticamente, están convertendo ao parlamento nunha lameira e apuntar que a monarquía resulta necesaria para dar solución a tal problema, non é un argumento novo na recente historia do estado español, pero si resulta extremadamente tendencioso e conleva un evidente risco que mina o mantemento dunha verdadeira conciencia democrática entre a cidadanía".
Para o BNG basta con lembrar que, hai pouco máis de cen anos, "esa mesma argumentación interesada contribuíu ao éxito do golpe de estado que, en 1923, suprimiu
as liberdades democráticas e deu paso á ditadura militar do xeneral Primo de Rivera, co
apoio explícito e entusiasta do rei Alfonso XIII".
Apunta Mari Fernández que dar por sentado o valor positivo da monarquía "é unha afirmación demasiado lixeira e carente de total fundamento, cando resulta evidente que a
experiencia destes últimos 50 anos non deixa á institución monárquica en bo lugar".
Publicidade
Para o BNG desde "a restauración borbónica en 1975, a monarquía española non se ten caracterizado, precisamente, por cuestións de índole positivo, e si por unha praxe baseada en numerosos escándalos, presuntas actuacións non moi legais e acusacións de
fraude fiscal, e un papel moi dubidoso no 23-F coa finalidade de recortar as lexítimas
demandas das nacións do Estado, polo tanto conclúen desde a organizacón nacionalista que a familia real española non deu mostras destes supostos valores que pretende difundir o curso programado pola UNED".
Por último, o programa do curso desliza outro argumento "totalmente partidista e interesado" cando sinala que urxe “clarificar si hoy cabe en España una alternativa creíble a la monarquía democrática”.
"Unha vez máis, tómase partido por unha opción política concreta, afastándose da equidistancia democrática que debería manter unha institución como a UNED, e parécese
esquecer que, na Unión Europea son minoritarias as monarquías e que a inmensa
maioría dos estados do noso entorno teñen forma de república, incluídas as maiores
economías da Zona Euro". Os nacionalistas amosan a súa perplexidade "ante o feito de que unha institución universitaria con prestixio, como é a UNED, se preste a programar este curso tendencioso e con certos plantexamentos antidemocráticos e consideran moi grave que o concello de Lalín ceda as instalacións municipais para a súa celebración".
コメント