top of page

O BNG e o PSOE denuncian o menú de bocadillo e empanada no Xesús Golmar por falta de persoal

hace 13 horas
5 min de lectura

As dúas formacións políticas de Lalín esixen recuperar a comida habitual e reclaman medidas para evitar que esta situación se prolongue e volva repetirse noutros centros


Ecos da Comarca/Lalín

A falta de persoal na cociña do CEIP Xesús Golmar de Lalín obrigará a uns 350 alumnos e alumnas a recibir un menú de emerxencia, consistente nun bocadillo ou empanada e froita, durante un período aínda sen determinar. Tanto o BNG como o PSOE de Lalín reclaman á Xunta unha solución inmediata e información ás familias, que pagan por un servizo que agora non se está prestando en condicións.


Pola súa banda, o BNG de Lalín denuncioi que onte as nais e pais do alumnado do CEIP Xesús Golmar recibiron unha mensaxe da dirección do centro comunicando que pola “falta de persoal no servizo de cociña” as nenas e nenos recibirán un “menú de emerxencia, consistente nun bocadillo ou empanada e froita”.


Nais e pais de alumnas e alumnos deste centro escolar dirixíronse ao BNG de Lalín para

criticar esta situación que obrigará aos seus fillos e fillas a “comer mal” durante un

período de tempo que non saben aínda canto será no que “pagarán por un servizo que non teñen”. A voceira do BNG de Lalín, Mari Fernández, exixiu onte “explicacións e

unha resposta inmediata da Consellería de Educación e do Concello de Lalín”, diante

dun problema “alleo” á dirección do centro escolar e que só ten un culpable claro e

reiterado “a falta de previsión e os recortes en educación que o PP practica na Xunta”.

Foto de arquivo.
Foto de arquivo.

No CEIP Xesús Golmar esta “mala xestión” do PP afecta desde onte e por un tempo

indeterminado aproximadamente a 350 alumnos e alumnas que empregan este servizo no que é o maior centro docente de Lalín. Mari Fernández critica tamén “a falta de previsión e a ocultación de información” por parte da Xunta “que evidentemente xa sabía que faltaba persoal na cociña do centro e nin avisou aos pais e nais con tempo nin se molestou en cubrir os postos de traballo vacantes”.


Fernández Sanmartín lamenta que “de novo é a veciñanza de Lalín a que sofre as políticas de recortes e a mala xestión” dos gobernos do PP en materia educativa, e considera “especialmente grave” que esta pésima xestión afecte “a algo fundamental como a alimentación axeitada e equilibrada das nosas fillas e fillos” nos centros escolares públicos, por un servizo que “pagan os pais e nais pero que a Xunta presta ou non”.


Desde o BNG de Lalín urxen “explicacións e solucións inmediatas” a este problema de

falta de persoal nas cociñas dos centros docentes que só neste mes de novembro afectou xa a outros centros escolares da comarca de Deza, nomeadamente Rodeiro e Vila de Cruces. Fernández Sanmartín exixe ao Concello de Lalín “que pida explicacións e solucións urxentes ao seu goberno amigo” e xestione tamén compensacións económicas para as nais e pais “que pagan por un menú equilibrado mentres seus fillos comen un

bocadillo”.

 PUBLICIDADE

Fernández Sanmartín advirte de que “non hai escusas” a un problema nas cociñas dos colexios públicos que está “estendido por todo o país” e que xa denunciou a CIG este

mesmo mes diante da Consellería de Educación. O sindicato nacionalista denunciou publicamente que "a falta de persoal está obrigando como no caso do Xesús Golmar a

centros escolares de toda Galicia a improvisar para manter abertos os comedores". O

BNG de Lalín súmase á exixencia da CIG á Xunta "da cobertura inmediata das prazas

de emprego vacantes nas cociñas dos centros escolares de todo o país" e demanda ao

departamento de Román Rodríguez que “faga o seu traballo e coordine as tomas de

posesión do persoal de cociñas para evitar que se repita esta situación".


Polo seu lado, o PSOE de Lalín tamén mostra a súa preocupación pola situación do comedor escolar do CEIP Xesús Golmar. Para os socialistas, estase ante unha situación que require unha resposta inmediata por parte da Xunta de Galicia. "O comedor escolar é un servizo esencial para moitas familias, que organizan o seu día a día contando cunha prestación que debe ofrecer garantías e funcionar con normalidade. Non se pode deixar que sexan os nenos e nenas e as súas familias quen soporten as consecuencias da falta de persoal".


A candidata do PSOE á Alcaldía, Alba Forno, reclama que se adopten as medidas necesarias para recuperar canto antes o funcionamento ordinario do comedor e que se ofreza ás familias información clara sobre a situación e os prazos previstos para a súa resolución. “Estamos a falar dun servizo básico, que afecta directamente á alimentación e ao benestar dos nenos e nenas, así como á conciliación de moitas familias. A prioridade ten que ser resolver o problema e garantir que o alumnado reciba unha atención adecuada. As familias non poden quedar sen respostas”, afirma Alba Forno.


A candidata socialista considera que esta situación evidencia a importancia de que o goberno municipal manteña o foco nas necesidades cotiás da veciñanza e nos problemas que requiren unha actuación concreta e inmediata. Neste sentido, Forno cuestiona que o alcalde, Crespo, centre agora boa parte do seu discurso en reivindicacións dirixidas ao Goberno do Estado, como a oficina da Axencia Tributaria, cando “debería mirar máis cara a Xunta e a xestión que fai en temas tan delicados como a educación e alimentación das nosas crianzas”.


“Está ben reclamar ao Goberno do Estado servizos para Lalín, pero resulta pouco crible que se presenten agora como grandes reivindicacións cuestións que se puideron defender durante décadas, mesmo con gobernos do Partido Popular no Estado. O que non pode ser é que se mire tanto cara a Madrid e tan pouco cara aos problemas que temos aquí e cara outras administracións”, sinala.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Alba Forno lembra que as necesidades da comunidade educativa e as dificultades das familias deben formar parte das prioridades políticas durante todo o mandato, e non quedar relegadas por anuncios ou discursos de carácter electoralista. E engade igual que o BNG que “o que sucede en Lalín non é nada novo, xa que vimos situacións similares noutros centros da contorna; unha mostra máis de que a Xunta non xestiona ben un servizo tan básico”.


Desde o PSOE de Lalín trasladan o seu apoio ás familias afectadas e insisten en que se debe actuar con responsabilidade e dilixencia para que esta medida de emerxencia sexa o máis breve posible. “O comedor do Xesús Golmar necesita unha solución inmediata por parte da Xunta de Galicia. Os nenos e nenas merecen un servizo en condicións e as familias merecen a tranquilidade de saber que se está traballando para recuperalo canto antes”, conclúe Alba Forno.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page