Dúas granxas de Rodeiro e tres de Arzúa distinguidas nos Premios Exceleite
Estes galardóns premian a excelencia da calidade hixiénico- sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia
Laura Moure/Rodeiro/Arzúa
A calidade do leite galego ten que ser recoñecida, pero tamén “ten que ter o seu reflexo no prezo” que perciben os gandeiros, porque “unha explotación necesita ingresos suficientes para cubrir os seus custos, seguir investindo e, sobre todo, poder mirar ao futuro con tranquilidade”. Así o manifestou este xoves a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención no acto de entrega da décima edición dos Premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico- sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, no que estivo acompañada por altos cargos do seu departamento. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa resultaron premiadas dúas explotacións gandeiras de Rodeiro e tres de Arzúa, pero unha das arzuáns recibiu dous premios.

Gómez felicitou especificamente aos titulares das explotacións premiadas, pero quixo
recoñecer, en xeral, a todas as granxas leiteiras da nosa comunidade porque, tal e como afirmou, “o que sucede co sector lácteo ten unha repercusión directa na economía de
moitas comarcas”. Ademais, puxo en valor que Galicia sexa a primeira comunidade
produtora de leite de España e das máis importantes de Europa, así como o feito de que
unha parte moi importante do leite que se consume a nivel nacional saia das explotacións
galegas.
Ao tempo, a conselleira quixo valorar as transformacións experimentadas polo sector nos
últimos anos, de forma que -salientou- hoxe en día “hai máis formación, máis tecnoloxía e
unha organización do traballo moi diferente”. E sinalou que este cambio foi posible porque
as gandeiras e os gandeiros galegos souberon adaptarse e ir cos tempos, ata o punto de
que “se antes saiamos fóra para aprender doutros, hoxe son outros os que veñen aprender
de nós”.
Gañadores

Ferramentas para o cambio
Nesta liña, Gómez destacou que na actualidade existen moitas ferramentas que están
cambiando o día a día das explotacións, con aplicacións que permiten axustar a alimentación ás necesidades de cada vaca, sensores que axudan a detectar problemas de
saúde ou sistemas que controlan o leite durante o muxido. Todo isto, concluíu a
conselleira, ten como resultado un leite de enorme calidade, que hoxe é unha das grandes
fortalezas da gandaría galega.
Sobre a situación actual do sector e as súas necesidades, Gómez subliñou que a Xunta
está “moi pendente” e mantén en todo momento contacto cos diferentes axentes da cadea
de valor. Así, dixo que desde a Consellería se lle solicitou á industria que tivese en conta
os custos de produción dos gandeiros e á distribución que reflexionase sobre o uso do leite como produto reclamo. Lembrou, así mesmo, que esta mesma semana lles pediu
“reflexión e empatía” a ambas partes.
PUBLICIDADE

Reforzo da vixilancia
Ademais, a conselleira recordou que por parte da Xunta se reforzou a vixilancia dos contratos, se están tramitando sancións e se trasladou ao Ministerio de Agricultura a
necesidade de garantir o cumprimento da Lei da cadea alimentaria. Na mesma liña,
amosou a súa disposición a facilitar aos gandeiros máis instrumentos para defender os
seus intereses e, así, advertiu que lle propuxo persoalmente ao ministro Planas actualizar
os tramos de produción que se utilizan como referencia nos contratos, que están sen revisar desde 2009.
Ao tempo, Gómez remarcou o papel de órganos como a Mesa e o Observatorio do leite,
que “queremos que sexan espazos que vos axuden a ter máis información e máis forza á
hora de negociar”, segundo trasladou aos gandeiros presentes. Unha defensa dos
intereses dos produtores que -dixo- cómpre “levar a Europa”, como vén facendo a Xunta.
Así, lembrou que a comezos deste ano a conselleira e o propio presidente Rueda
reclamaron en Bruxelas unha PAC con financiamento suficiente e que teña en conta a
realidade de Galicia. Algo no que a titular de Medio Rural volveu insistir a pasada semana
na capital comunitaria.
PUBLICIDADE
Asemade, Gómez referiuse ao traballo a prol da remuda xeracional no sector e amosou a
súa satisfacción e orgullo porque os ciclos de gandaría dos centros de formación
dependentes da Consellería teñas as prazas cheas. Así mesmo, reiterou o seu
compromiso de apoio para que as familias gandeiras “poidan seguir coa súa explotación,
cobrar un prezo adecuado polo leite e saber que o traballo que fan ten continuidade”. Algo
que asumiu como responsabilidade “para seguir falando cos produtores, a industria e a
distribución” e tamén “para continuar defendendo en Madrid e Bruxelas as condicións que
Galicia necesita para manter o seu peso gandeiro”.








Comentarios