Arzúa encadea dúas fins de semana de descontos: tras a Feira Neghra chega o Black Local Friday
Preto de 20 comercios do Centro Comercial Aberto volverán activar promocións especiais hoxe e mañá
Laura Moure/Arzúa
O comercio de Arzúa non baixa o ritmo e tras o éxito da Feira Neghra reactiva os descontos co "Black Local Friday" da man de AECA. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa, a través do seu Centro Comercial Aberto, celebra os días venres
27 e sábado 28 de novembro unha nova edición do Black Local Friday, unha campaña
na que preto de 20 establecementos comerciais activan descontos e promocións especiais.

Baixo a imaxe e identidade propias do "Black Local Friday", os negocios participantes ofrecen durante estas dúas xornadas unha nova oportunidade para descubrir produtos, aproveitar ofertas e adiantar as compras e os agasallos de Nadal sen saír da vila.
A campaña reúne establecementos comerciais de Arzúa que prepararon promocións propias para estas datas, poñendo ao alcance da clientela unha oferta diversa e próxima. Deste xeito, o Centro Comercial Aberto convértese nun espazo de oportunidades no que mercar tamén significa recibir atención personalizada, asesoramento e a confianza das tendas de sempre.
PUBLICIDADE

Esta iniciativa dá continuidade ás accións de dinamización comercial que AECA desenvolve ao longo do ano e chega despois da celebración da II Feira Neghra, os días 21 e 22 de novembro. Con esta nova convocatoria, a asociación reforza a súa aposta por manter a actividade comercial na vila e ofrecer motivos para achegarse aos establecementos locais.
Desde AECA lembran que o comercio de proximidade é unha parte fundamental da economía e da vida social de Arzúa. Cada compra nos negocios locais contribúe a manter a actividade empresarial, apoiar o emprego, conservar unha oferta comercial diversa e dar vida ás rúas.
PUBLICIDADE
Por iso, a asociación anima á veciñanza e ás persoas da comarca a participar nesta fin de semana, visitar os comercios adheridos e consultar as promocións dispoñibles en cada establecemento.








Comentarios