O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa presenta a programación cultural de Nadal 2026-2027
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa xa ten preparada a programación cultural do Nadal 2026-2027 con diferentes propostas como concertos, teatro, maxia, actividades infantís, cine e artes plásticas.
As actividades comezarán o venres 4 de decembro na Casa de Correos coa proxección da película San Simón ás 20:00 horas. A reserva de prazas comeza o día 2 contactando co Departamento de Cultura. O venres seguinte, día 11, proxectarase o filme Antes de Nós e as inscricións ábrense o día 9.

A programación do Nadal contará este ano cunha exposición do XIX Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo promovido pola Deputación da Coruña que se poderá ver na Capela da Madanela do 11 de decembro ao 2 de xaneiro en horario de 18:00 a 20:00 h., de martes a sábados, agás os días 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro que estará pechada.
O programa de actos continuará o sábado 19 coa presentación do libro A Miseria de Xerardo Quintiá nun acto organizado a través do Club de Lectura Municipal Arzúa Le na Casa de Correos ás 17:00 horas.
PUBLICIDADE

A programación tamén contará con actuacións de música, teatro e maxia. A primeira delas levarase a cabo o mércores día 23. A Casa da Cultura acollerá a actuación do grupo Cherry Sweet que ofrecerán un espectáculo que mestura swing, pop e música a capella. Para asistir será necesario reservar previamente contactando co Departamento de Cultura dende o martes 15.
A obra de teatro Tromso da compañía Morraoconto chegará a Arzúa o sábado 26 de decembro. TROMSØ é un proxecto multidisciplinar de teatro, danza, proxeccións, máscaras e música en directo que fai unha reflexión sobre a perda dende un lugar poético pero, ao mesmo tempo, moi cómico. Esta función conta coa interpretación de Miguel Gendre, Lara Pouso e Lidia Veiga e terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura. Para asistir será necesario reservar praza dende o venres 18. No mesmo lugar celebrarase o domingo 27 o concerto de Nadal da Rondalla Moraima ás 19:00 horas con entrada libre ata completar a capacidade.
O martes 29 aparecerá o Mago Rafa para deleitar ao público co espectáculo Imposible? na Casa da Cultura ás 18:00 horas. A través de efectos visuais, humor e moita participación, o público vivirá unha experiencia máxica onde o imposible convértese en posible e o posible, en pura ilusión.
PUBLICIDADE
O 5 de xaneiro a programación de Nadal pecharase coa Cabalgata de Reis. Os Reis Magos realizarán o clásico percorrido pola vila dende a Casa da Cultura ata o Multiusos Terra do Queixo, acompañados de animación, agasallos e moitas sorpresas. A saída da comitiva será ás 17:30 h. e rematará coa recepción a todas as nenas e nenos por parte das Súas Maxestades.

O concelleiro de cultura, José Luís García, convida a desfrutar desta programación na que se procurou “incluír actividades e espectáculos variados, de calidade e accesibles para todas e todos, co fin de que toda a veciñanza se sinta incluída e motivada a participar e desfrutar dun ambiente festivo e acolledor”.








Comentarios