O BNG e o PSOE de Lalín esixen responsabilidades ao goberno de Crespo pola crise da auga
Denuncian a falta de información e de solucións ante os problemas no abastecemento, reclaman explicacións sobre a actuación de Aquadeza e levarán iniciativas ao pleno municipal
Ecos da Comarca/Lalín
A crise no abastecemento de auga en Lalín continúa xerando críticas políticas. O BNG e o PSdeG-PSOE cargan contra a xestión do goberno local de José Crespo, ao que acusan de actuar tarde, non ofrecer explicacións suficientes e non garantir un servizo básico para a veciñanza. Os nacionalistas reclaman unha auditoría integral da rede e responsabilidades á empresa concesionaria, mentres que os socialistas cuestionan a demora na comunicación da incidencia, o alcance do reparto de auga embotellada e esixen coñecer cando se detectou o problema e por que se tardou en informar á poboación.
Pola súa banda, o BNG de Lalín denuncia “unha nova neglixencia e irresponsabilidade” por parte do goberno local de Lalín a respecto das deficiencias no subministro de auga. Diante das queixas da veciñanza pola turbidez da auga que sae das billas dos fogares e negocios “o goberno do señor Crespo volve chegar tarde, sen aportar solucións e sen afrontar un problema coa auga que non é o primeiro nin o segundo nos últimos meses”. Diante dos cortes de subministro en meses pasados e deste novo episodio de auga non apta para o consumo, “desde o BNG de Lalín exiximos ao goberno local que dunha vez por todas faga unha auditoria integral sobre a rede de subministro e tome medidas urxentes para garantir un servizo tan básico para a cidadanía como é a auga”.
A voceira nacionalista de Lalín, Mari Fernández Sanmartín, critica que “diante dun problema tan grave como o acontecido estes días, e sabendo ademais que non é o primeiro nin lamentablemente será o último, o goberno local segue sen exixir responsabilidade e cumprimento á empresa e o único que nos da á veciñanza por toda solución é pedir paciencia e botarlle a culpa ao tempo. Si chove porque chove e si non chove porque non chove”.
"Fronte á actitude cómplice e encubridora do goberno do PP coa empresa concesionaria do subministro da auga en Lalín", o BNG pídelle ao PP que “dunha vez por todas exixan o cumprimento do prego de condicións, analicen en detalle a rede e os problemas que ten e fagan os investimentos precisos para garantir un axeitado subministro de auga aos veciños e veciñas”. Ademais Fernández Sanmartín denuncia que “estes días de novo o
goberno de Lalín volveu a chegar tarde, poñendo en perigo a saúde da veciñanza”, que
durante moitas horas “non soubo polos seus responsables municipais si a auga que saía
das súas billas era ou non apta para o consumo”.

Tamén denuncia o BNG de Lalín os danos causados a comerciantes e hostaleiros do concello “pola deixadez e neglixencia” do goberno local neste novo episodio de
problemas co subministro da auga. A edil anunciou que o BNG levará ao pleno da Corporación unha iniciativa a respecto deste “problema continuado que temos coa auga no noso concello, e exixiremos respostas, solucións e responsabilidades” polos reiterados problemas que a veciñanza vén padecendo nos últimos meses.
Problemas sen resposta e sen explicacións
Para o BNG de Lalín “non é de recibo que a veciñanza e os comerciantes vivan e traballen coa angustia de non saber si van ter auga ou si vai ser apta para o consumo un mes si e un mes non”. Critica Fernández Sanmartín que a maiores do problema na rede de abastecemento “o asunto é que o goberno local nin nos da explicacións nin nos da solucións”.
A voceira nacionalista lembra que diante do episodio pasado de corte do subministro por un consumo abusivo “logo do cal o goberno do PP anunciou unha auditoría para coñecer o acontecido, seguimos meses despois sen saber que pasou, quen foi e si se tomaron medidas para garantir que non volva ocorrer”. Desde o Bloque de Lalín advirten ao PP local que “rematou a impunidade e a irresponsabilidade a costa dos cartos dos veciños e veciñas”.
Critica a concelleira que o goberno de Crespo “se escude nos cartos para non acometer as obras e infraestruturas precisas que amañen os problemas coa auga en Lalín”, cando “para actuacións innecesarias parece que sobran os cartos das veciñas e dos veciños”. A voceira nacionalista demanda ao goberno de Lalín “que se poñan a traballar, que deixen de facerse catro fotos na mesma parcela coas conselleiras de quenda e dunha vez por todas gobernen para a veciñanza e non para o seu partido”.
PUBLICIDADE
Polo seu lado, a candidata do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, esixe tamén responsabilidades ao goberno de José Crespo pola sucesión de crises no abastecemento municipal. "Cando falta auga o Concello falla. Cando chove e abunda, falla tamén”, subliñou, para incidir en que “é esperpéntico e inadmisible que, en pleno mes de novembro e chovendo, a veciñanza de Lalín teña que saír da casa a buscar auga en garrafas”. “Garantir a auga da billa é o mínimo que se lle pode pedir ao Concello", incidiu.
A socialista cualificou de "neglixente" a demora en informar. Lembrou que desde o xoves pola mañá se empezaron a recibir avisos de veciñas e veciños aos que lles saía auga amarela e con partículas. Non obstante o bando municipal e as comunicacións informativas nas redes municipais chegaron o venres pasadas as 19:30 horas, e despois de que o PSdeG-PSOE denunciase publicamente a situación. Así, Forno critica que “para subir fotos de magostos e facer propaganda, o Concello sempre ten as redes a punto, pero cando as familias e os negocios precisan saber se pode preparar un biberón ou nun restaurante se pode cociñar coa auga da billa, desaparecen”. Lamentou que a xestión do PP provoque inseguridade ás familias e perdas aos negocios, que nalgúns casos nun puideron nin servir café. Deste xeito, sinalan que solicitarán que se aclare “cando detectou Aquadeza o problema, cando o soubo o Concello e quen decidiu agardar48 horas para avisar".
Forno cuestionou tamén a explicación do goberno local, sinalando que foi unha semana chuviosa. Nesta liña indicou que basta comprobar os datos de MeteoGalicia, para ver que na estación de Lalín en moitas ocasións caeu máis auga nun só día ca entre o mércores e o venres desta semana xuntos. Así, cuestiona “que pase en Lalín o que non pasa noutros concellos onde choveu incluso máis” e indica que “se Aquadeza di que os arrastres superaron a capacidade duns filtros instalados en 1992, Crespo ten que explicar desde cando coñece esa limitación e por que segue sen corrixila".
PUBLICIDADE
A voceira socialista volveu cuestionar as prioridades do PP “que non dubida en gastar moitos millóns en tirar casas, ou para facer cocidos en Nova York, pero que é incapaz de garantir o abastecemento de auga”.
Forno criticou que o dispositivo de reparto anunciado polo Concello se limite ao casco urbano e non chegue ao rural onde “o goberno ten que garantirlles auga potable ou explicar como lla vai facer chegar, tamén a quen non pode desprazarse".
O grupo socialista esixe que o Concello informe sobre cantos días vai seguir a auga sin ser potable e publique as analíticas, identifique todas as zonas afectadas e garanta auga potable ás familias e aos negocios que a precisen.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Lalín activa un plan de emerxencia de abastecemento de agua debido á reducción crítica dos depósitos: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-activa-un-plan-de-emerxencia-de-abastecemento-de-agua-debido-%C3%A1-reducci%C3%B3n-cr%C3%ADtica-dos-dep%C3%B3sitos
Lalín reparte auga embotellada entre a veciñanza ante a turbidez da auga da traída: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-reparte-auga-embotellada-entre-a-veci%C3%B1anza-ante-a-turbidez-da-auga-da-tra%C3%ADda









Comentarios