Comesaña acusa o PSOE "de querer seguir subindo os impostos" durante o Magosto do PP de Agolada
O candidato do PP e Luis López participaron nesta xornada festiva encabezada por Carmen Seijas e acompañados de José Crespo, Pedro Puy e Luisa Piñeiro
Ecos da Comarca/Agolada
O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, alertou no Deza, co gallo do Magosto do PP de Agolada, de que o PSOE pretende "seguir "asfixiando á xente con máis subas de impostos en caso de seguir ao fronte do Goberno de España" e defendeu "o modelo oposto, cunha baixada xeral dos
tributos, especialmente para as familias, cidadáns con rendas medias e baixas e autónomos, cun Executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo".

O número 1 da lista popular e o presidente provincial do PP, Luis López, participaron neste encontro festivo, que estivo encabezado pola voceira popular de Agolada, Carmen Seijas, e que reuniu a máis de 350 persoas, acompañados polo número 3 ao Congreso, Pedro Puy, o candidato ao Congreso e alcalde de Lalín, José Crespo, e a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro. No mesmo, o político vigués afondou na situación fiscal e a economía das familias, "que é unha das cuestións que máis preocupa á xente polos aumentos de impostos e do custe da vida".
“O PSOE aplicou máis de cen subas de impostos neste tempo e incrementou a recadación fiscal na provincia de Pontevedra nun 70% neste tempo. Isto podería estar ben se melloraran os servizos públicos e a atención aos cidadáns, pero isto non está pasando, todo funciona peor, desde os trens ata o estado das estradas como ben sabedes en Agolada cunha actuación cativa na N-640 cando precisaba dunha mellora integral. Esta recadación disparada estase amosando inservible, posto que non se revirte na xente nin nos servizos públicos pola súa evidente falta de xestión”, aseverou Comesaña, que denunciou que “lonxe de deixar de apretar á xente malia o que custa chegar a final de mes, pretende seguir subindo os impostos nos próximos anos porque a súa voracidade fiscal non ten límites e non amosan ningunha empatía co sufrimento das economías domésticas".
PUBLICIDADE
Fronte a este modelo, Comesaña anunciou que Feijóo e o PP "van optar pola vía contraria, con baixadas xeralizadas de impostos e un mellor funcionamento dos servizos públicos, os investimentos e a atención aos cidadáns grazas á capacidade de xestión, o rigor e a eficiencia dos equipos do PP. Non imos facer nada que Feijóo non fixera antes en Galicia e que coñecemos todos, que é cobrar uns impostos baixos, xustos e suficientes para que, con eficacia e moito traballo, os servizos funcionen de maneira óptima, aínda que peor que estes oito anos, cunha degradación evidente, é practicamente imposible”, concluiu.
Luis López salienta que "só papeleta do PP garante o cambio"
Pola súa banda, Luis López lembrou que a maioría dos cidadáns “quere cambio para deixar atrás estes oito anos nefastos de Pedro Sánchez nos que a provincia de Pontevedra foi especialmente agraviada, esquecida, abandonada e maltratada polo PSOE” e exemplificou esta situación coa política local de Agolada, “onde tamén estades cansos de populismos e mala política”.
O presidente provincial do PP salientou que "a situación é peor que hai oito anos e España non funciona porque evidentemente Sánchez non sabe gobernar" e indicou que "o país precisa a xestión demostrada de Alberto Núñez Feijóo, pero deixou claro que o cambio só pasa pola papeleta do PP: Optar por calquera outra opción política é favorecer que Sánchez siga catro anos máis ou tirar o voto con partidos que non van sacar representación na nosa provincia. Todos aqueles que queren botar a Sánchez saben o que teñen que facer e é votar ao PP, que ademais é sinónimo de confianza, rigor e seriedade”.
PUBLICIDADE
Por último, puxo en valor a figura de Feijóo e o seu vencellamento con Galicia e con Agolada, “polo que temos unha oportunidade histórica de que alguén que estivo en Agolada, que coñece Agolada e que sabe das necesidades de Agolada sexa o próximo presidente do Goberno”.









Comentarios