O BNG denuncia o "uso partidista" das institucións públicas no anuncio de obras no auditorio de Agolada
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada denuncia "o uso partidista das institucións públicas" tras a presentación oficial das obras de mellora da accesibilidade do Auditorio Municipal Manuel Costa Casares, financiadas con fondos da Xunta de Galicia e do Concello de Agolada. Na foto difundida pola Xunta e polo goberno local aparecen representantes do Partido
Anticorrupción y Justicia (PAYJ), que actualmente goberna o Concello, e do Partido Popular, tanto do ámbito local coma autonómico, mentres se exclúe por completo ao grupo municipal do BNG, "malia ser quen impulsou a iniciativa e redactou a moción que deu orixe a estas actuacións", recalca o Bloque.

A portavoz municipal, Susana Tato Pampín, lembra que “foi o BNG quen presentou no pleno do 28 de decembro de 2023 unha moción solicitando as melloras de accesibilidade no auditorio municipal, para garantir que todas as persoas poidan acceder e gozar da cultura en igualdade de condicións, conforme á Lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia”. A moción foi aprobada cos votos a favor do PP e coa abstención do PAYJ, e incluía medidas moi concretas, como a nstalación dunha plataforma para cadeiras de rodas, elevador ao escenario, vestiarios e aseos adaptados, mellora da rampla exterior e das beirarrúas, prazas de aparcamento para persoas con discapacidade, adaptación acústica con bucle magnético e un separador de espazos e telón para actos de pequeno aforo.
“A nosa moción era clara, ambiciosa e realista. Só pedíamos cumprir a lei e garantir a
igualdade de acceso a un edificio público financiado con máis de medio millón de euros, que naceu xa con graves deficiencias de accesibilidade. Que agora o PAYJ e o PP saian na foto, esquecendo quen fixo o traballo político, é un exemplo máis de propaganda e de uso partidista das institucións”, afirma Pampín. “De todas as melloras que se solicitaban na moción e que foi aprobada no pleno só se fixeron as melloras de accesibilidad, recordámoslle o PAYJ que aínda queda moito por facer do que se aprobou no pleno”
E lembra que en xuño de 2025, o Concello aprobou o Decreto G-365-2025, que autorizou o gasto de 48.483,78 euros, cofinanciado pola Xunta e polo propio Concello, para a execución parcial destas melloras. “Poden facerse fotos e repartir flores, pero a realidade é que as melloras só chegan cando o BNG empurra. Mentres uns posan, nós traballamos para que todas as persoas poidan acceder á cultura en igualdade”, engade a portavoz.
Publicidade
Ademais, insiste en que o auditorio fora inaugurado no 2017, despois de 12 anos de obras e máis de medio millón de euros investidos, "sen cumprir coa normativa básica de accesibilidade, e que ningún goberno posterior fixera nada ata que o BNG levou o tema ao pleno". Desde o grupo nacionalista subliñan que as institucións "son de toda a veciñanza, non de quen goberna nese momento, e que o respecto institucional e a verdade son esenciais para unha política honesta e transparente".
Resumo de feitos, tal e como recalca o BNG:
• Auditorio inaugurado en 2017, sen cumprir cos estándares de accesibilidade.
• 28 de decembro de 2023: o BNG leva ao pleno unha moción integral para mellorar o
auditorio (aprobada cos votos do PP e abstención do PAYJ).
• Xuño 2025: o Concello aproba o expediente e o gasto (Decreto G-365-2025).
• Novembro 2025: presentación oficial das obras coa presenza do PAYJ e do PP, e coa
exclusión do BNG da foto institucional.
NOTICIA RELACIONADA:
Agolada mellora a accesibilidade do seu auditorio grazas a unha achega da Xunta de 48.0000 euros: https://www.ecosdacomarca.com/post/agolada-mellora-a-accesibilidade-do-seu-auditorio-grazas-a-unha-achega-da-xunta-de-48-0000-euros







Comentarios