Insta á Xunta, en colaboración co Concello, a que elabore un proxecto (ou anteproxecto) do Centro de Interpretación das Minas de Fontao e da musealización do complexo mineiro
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces presentará no próximo pleno ordinario unha proposta na que se solicitará a Xunta de Galiza que negocie a adquisición ou cesión das galerias e edificios das Minas de Fontao para convertelas en Museo da Minería e da Memoria (MMM), ademais de, instar á Xunta en colaboración co Concello de Vila de Cruces a elaboración dun proxecto (ou anteproxecto) do Centro de Interpretación das Minas de Fontao e da musealización deste
complexo mineiro.

"As minas de Fontao representan un importante fito na historia da minería de Galiza e do estado. A mina estivo en funcionamento, cando menos, desde 1871 ate 1974. As transformacións e cambios na explotación mineira de Fontao dan testemuño da historia de Galiza e do Estado: dunha pequena mina da que extraía estaño a ser o subministrador de primeira orde de wolframio para o exército alemán na SGM. Nese tempo moitos presos políticos do Franquismo foron deportados a Fontao a comuntar (“redimir”) a súas penas de prisión co traballo na mina", subliña o partido nacionalista.
Demanda do Wolframio
A mediados do seculo XX, lembra, foi construído o poboado Mineiro de Fontao. "Aínda era tempo de moita demanda do Wolframio (guerra de Corea) que seguía facendo da mina un gran negocio para os propietarios. Daquela a mina era a principal fonte de emprego e motor económico da zona", incide.
Ademais, apunta que "logo de 30 anos do peche da mina, por iniciativa do BNG no goberno bipartido (2005-2009), foi rehabilitado o poboado e adxudicadas as vivendas co criterio de vivenda pública. Neste momento as vivendas do poboado están ocupadas case ao completo. Os residentes viven nun entorno rehabilitado, cun pequeno museo, un auditorio e varias salas para uso de veciñanza e visistantes. O museo da minería foi un importante paso para introducir aos visitantes a historia da mina de Fontao. Mais é preciso que este museo se transforme nun centro de interpretación da mina de Fontao, no contexto do obxectivo desta moción, e non deixando ao case que total esquecemento como así o está a facer o goberno municipal, en lugar de aproveitalo como un dos maiores recursos turísticos que ten o municipio".

O BNG insiste en que é o momento. "O momento de dar o impulso para a tranformación do complexo mineiro de Fontao -que está en acelerado proceso de deterioro- nun activo de primeira orde para Fontao, e para o Concello e comarca. O proxecto debe ser ambicioso: Museo da Minería e da Memoria Histórica, con percorrido polas galerías onde se extraía o Wolframio, e visita ás infraestrutura e edificios e oficinas, laboratorio, talleres..." E insiste en que "é unha debeda que os gobernos da democracia teñen non só co Rural senón tamén con todos esas persoas que sufriron a dureza da inxustiza do Franquismo co dura traballo da Mina. E tamén con moitos veciños da nosa comarca que traballaron na extracción do Wolframio para levar unhas pesetas para poder vivir un pouco mellor".
Con esta proposta o BNG quere "seguir dando forma a un proxecto innovador para Vila de Cruces que axude a medrar o concello, e ofrecer alternativas que ningún dos grupos que están a pasar polo goberno municipal apostan, e que marcará a diferenza para poder dotar de futuro a este municipio".
Comments