top of page

O BNG de Silleda tilda de "resposta soberbia" a dada polo goberno sobre a moción que demanda melloras na N-525

Desde o BNG, sinalan, que "non se presenta esta co fin de levar ningún mérito, senón para trasladar demandas que os veciños nos fan chegar todos os días, precisamente de temas que están sen resolver"


Ecos da Comarca/Silleda

O BNG de Silleda amosa a súa sorpresa pola resposta dada desde as filas socialistas ante a moción presentada polos nacionalistas nas que demandaban melloras de seguridade e iluminación na N-525 ó seu paso pola vila. "Unha resposta soberbia, en liña con outras anteriores, nas que cuestionan a capacidade dos concelleiros do grupo nacionalista fronte á presunta “solvencia” do grupo de goberno".

Erea Rey e Xerardo Díaz, os concelleiros do BNG de Silleda.

Desde o BNG, sinalan, que "non se presenta esta moción co fin de levar ningún mérito, senón para trasladar demandas que os veciños nos fan chegar todos os días, precisamente de temas que están sen resolver. Como o propio goberno recoñece, o mantemento das beirarrúas é integramente a súa responsabilidade, e son moitas as queixas que nos chegan de persoas con mobilidade reducida ou nais e pais con carriños de bebés que teñen problemas para facer o seu día a día na vila. Porque se o mantemento das beirarrúas estivera xa feito ou previsto (recordemos que levan 17 anos gobernando) non sería precisa esta moción, estarían os rebaixes das beirarrúas feitos e xa terían a foto sacada, que é ó que se dedica ultimamente o goberno municipal".


Cando se pide rigor, apuntan, "tamén hai que telo. Nese sentido, lembramos o caso dun veciño que recentemente tivo un accidente nunha beirarrúa na N-525 e logo de reclamar no Concello se lle respondeu que eles non eran os responsables e debía dirixirse ao Ministerio. En que quedamos? O que non se pode é estar enganando á cidadanía para eludir responsabilidades".


Publicidade

Por outra banda, recalcan que "somos coñecedores do investimento anunciado polo Ministerio para a conservación das dúas estradas nacionais na zona norte da provincia de Pontevedra. Sen embargo, ese investimento non está dirixido a medidas específicas para controlar o exceso de velocidade na vila de Silleda nin a instalar sinalización luminosa, horizontal e vertical, a maiores en cada paso de peóns, que é o que se reclama na nosa moción. Ademais, somos plenamente coñecedores do contrato con Ferrovial para o mantemento da luz, imposible esquecelo polo custo que supón para as arcas municipais (600 mil euros por ano durante 14 anos), máis tamén é certo que ese contrato leva xa un ano en vigor e que ata o de agora non se fixo nada para incrementar a iluminación nos pasos de peóns urbanos".


"Supoñemos que non debe ser a prioridade do goberno municipal. Polo ton da resposta socialista, calquera pode pensar que a alcaldesa está molesta porque os veciños acudiran ao BNG para trasladar as súas demandas” recalca a portavoz, Erea Rey, que recomenda ao goberno que priorice atender as demandas veciñais, en lugar de estar tan pendente do que fai o BNG.


NOTICIAS RELACIONADAS:

  • A moción presentada polo BNG:


  • A resposta do goberno local:



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page