Sinala que levan varios meses recibindo queixas de veciños que alertan da escasa iluminación que existe nos pasos de peóns situados na zona urbana
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda rexistra unha moción dando a coñecer os problemas de seguridade viaria e peonil que afectan á N-525 ao seu paso pola vila de Silleda. Os nacionalistas, sinalan, que levan varios meses recibindo queixas de veciños que alertan da escasa iluminación que existe nos pasos de peóns situados na zona urbana, situación que se ve agravada polo exceso de velocidade de moitos vehículos nos treitos de saída en ambas direccións.
Publicidade
Así, desde o BNG alertan que esta combinación de exceso de velocidade e falta de luz, supón un cóctel explosivo que xera situacións de risco a diario e temen que poida acabar por ocorrer un accidente de maior gravidade. Por iso, solicitan ao Concello a que, de xeito urxente, reclame ao Ministerio de Transportes un plan integral de seguridade viaria no treito urbano da N-525, que incida en asegurar que se respectan os límites de velocidade e en sinalizar adecuadamente todos os pasos de peóns, para que sexan ben visibles polos vehículos.
Tamén denuncian na moción outros problemas causados polo exceso de altura dalgunhas beirarrúas sobre o nivel do paso de peóns, "e que xa teñen causado algún accidente na zona do Barrio do Campo, situación que foi posta en coñecemento do Concello sen que o mesmo se fixese responsable". Desde o BNG recordan que o problema neste casos "é dobre, por un lado o nivel do pavimento e por outro lado, o rebaixe que deberían ter as beirarrúas na zona de unión cos pasos de peóns", e entenden que aínda que poida ser competencia do Ministerio, o Concello non pode desentenderse deste problema que xa causou accidentes a algúns veciños.
Por último, os nacionalistas fan fincapé nos problemas que causa a escasa iluminación na marquesiña de bus e nos propios pasos de peóns, polo que piden que se determine quen é o organismo responsable de garantir o servizo de luz neses espazos, para solicitar á administración correspondente a que incremente os puntos de luz ou instale luces de maior potencia.
“Estes problemas teñen que solucionarse na maior brevidade posible, tanto a parte correspondente ao Concello como ao Ministerio. Lembramos que a propia alcaldesa fai un par de semanas aludía ao feito de que ao ser deputada en Madrid ía atender as demandas dos silledenses. Pois que mellor ocasión que comezar por estas demandas”, sinala o concelleiro, Xerardo Díaz.
Comentarios