O BNG de Silleda solicita ao goberno que publique un calendario detallado das datas de limpeza e desbroce de camiños municipais
- ecosdacomarca
- 1 may 2024
- 2 Min. de lectura
Recorda a existencia dun acordo público co PSOE local, que agardan que non deixen en papel mollado, situación que os levaría a reconsiderar o seu apoio a algunhas medidas
Ecos da Comarca/Silleda
Os concelleiros do BNG de Silleda veñen de rexistrar unha instancia na que solicitan ao
goberno que publique un calendario detallado da previsión de roza e limpeza de camiños
municipais. Lembran ao partido socialista de Silleda o contido do acordo público asinado
co BNG para aprobar os salarios do equipo de goberno, no que os socialistas se comprometían durante este mandato a reforzar o servizo de roza e limpeza de cunetas
de camiños municipais, “facendo dous pases ao ano no período comprendido entre a primavera e o outono”.
Publicidade
“Levamos xa un mes desde que comezou a primavera e non sabemos nada dos plans
do goberno, máis alá de que acaban de subcontratar o servizo, consistente nun único
pase en algunhas parroquias. Coa chegada do bo tempo, nun par de semanas algúns
camiños presentarán problemas de visibilidade, coa conseguinte inseguridade para peóns, condutores e ciclistas” cita a portavoz local, Erea Rey, que engade que “se o
goberno quere cumprir o acordo e facer dous pases polas 33 parroquias, deberían
comezar xa cos traballos ou polo menos ter algo planificado”.
Dende as filas nacionalistas recoñecen que nas últimas semanas si se teñen levado a
cabo algúns desbroces puntuais que, entenden, corresponderían a peticións individuais feitas por determinados veciños, pero consideran que o Concello debería realizar os traballos de maneira xeralizada e que a publicación dun calendario daría seguridade á veciñanza acerca de cando se vai prestar o servizo, evitando que tiveran que rexistrar peticións individuais.

Desde o BNG de Silleda consideran que, cos medios humanos cos que conta o
Concello, a situación de conservación dos espazos verdes públicos debería ser
moito mellor, en particular no medio rural, e achacan o problema "á falta de interese
e mala xestión do goberno municipal neste asunto". “Basta con ver o estado no que
se atopan os parques biosaudables rurais ou as contornas dos centros sociais” engade,
a modo de exemplo, o concelleiro, Xerardo Díaz.
Compre lembrar que o Concello de Silleda completou hai xa un mes o procedemento
para a contratación de dous tractoristas, financiados pola Deputación de Pontevedra, ao
que habería que engadir un equipo de outras tres persoas con funcións de xardinería,
dedicados ao mantemento dos espazos verdes na contorna rural, así como unha
empresa externa, Coregal, que ten subcontratado o mantemento dos xardíns urbanos por 51.500 euros anuais.
Comments