O BNG de Silleda alerta "do perigo que supoñen os desprendementos de ladrillos do peche dun baixo na rúa Pintor Colmeiro"
- ecosdacomarca

- 20 jun 2024
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda alerta do perigo que supoñen os desprendementos de ladrillos do peche dun baixo na rúa Pintor Colmeiro. "O edificio atópase no cruce das rúas Pintor Colmeiro e Antón Alonso Ríos, e nos últimos días recibíronse varias queixas de veciños alertando da caída de cascallos sobre a beirarrúa, o que podería supor un risco para a saúde dos peóns que por alí transitan".

"Segundo informa a veciñanza, a situación foi trasladada verbalmente a membros do goberno local, sen que ata a data se observen accións tendentes a recoller os restos xa caídos así como a requirir á propiedade do baixo a que tome as accións oportunas para
evitar que sigan desprendéndose anacos de ladrillo que continúan caendo sobre a beirarrúa", recalca o BNG.
Publicidade
Desde o BNG lembran que "se ben o deber de conservación corresponde aos propietarios, de acordo ás ordenanzas municipais vixentes o Concello pode subsidiariamente levar a cabo traballos de mantemento e reparación das partes exteriores dos inmóbeis, debendo realizar os traballos de retirada dos cascallos xa depositados sobre a beirarrúa, imputándolles ós propietarios do baixo, no seu caso, o custo dos servizos prestados".
Publicidade
Nese sentido, desde o BNG piden ao goberno municipal que teña "unha labor máis activa no referido á revisión da seguridade das fachadas, así como tamén no referido á esixencia aos propietarios de fincas para que limpen a maleza e eviten que as beirarrúas do casco urbano se tornen intransitables, tal e como veñen denunciando veciños dos casco urbano en redes sociais nos últimos días".
“Vemos que o desinterese do goberno coa limpeza de camiños e vías públicas é común tanto ao rural como aos cascos urbanos”, remarcan os concelleiros do grupo nacionalista, lamentando "que o goberno estea máis preocupado polas campañas de autobombo que por resolver os problemas cotiáns da veciñanza".
Publicidade









Comentarios