O BNG de Lalín propón unha batería de medidas para que o Concello promova o uso do galego
- ecosdacomarca
- hace 8 horas
- 2 Min. de lectura
Paco Vilariño: “O galego ten que seguir sendo en Lalín o idioma da cidadanía, e para iso temos que facer políticas en positivo que se traduzan en máis uso e espazo”
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno municipal, na que solicita unha serie de medidas concretas para que o Concello se converta nun axente normalizador en prol do uso do galego. A iniciativa recolle medidas administrativas, culturais e sociais co obxectivo de “aumentar o uso e espazo da nosa lingua no en Lalín”. O portavoz municipal do BNG de Lalín, Paco Vilariño, defendeu esta batería de medidas afirmando que “o galego ten futuro en Lalín mais hai que deixar de poñerlle atrancos e promover en positivo o seu uso en todos os ámbitos”.

Vilariño aposta por uha resposta “en positivo” diante da situación actual que constata un descenso do uso do galego en Lalín. Para o portavoz municipal nacionalista, o feito de que tal e como recolle o último estudo do IGE, "a baixada de poboación que nos últimos 5 anos deixaron de empregar o noso idioma é do 2,04%, unha realidade, que admitindo con
satisfación que o noso Concello, non se atopa nas peores das situacións en comparación
fundamentalmente coas cidades de Galiza, entendemos que é un dato que nos ten que
poñer en garda para evitar esta dinámica negativa".
Publicidade
Co obxectivo de garantir o dereito “de toda a cidadanía de Lalín, como galegas e galegos que somos a podermos vivir plenamente no noso idioma”, desde o BNG demandan que o
Concello de Lalín se converta nun verdadeiro axente normalizador en prol do galego e que desista da súa complicidade “por acción ou por omisión” coas políticas galegófobas que aplica a Xunta do Partido Popular.
Publicidade
Na moción recóllense medidas concretas como a creación do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, posta en marcha dun Consello Social da Lingua, a realización dun estudo sociolingüístico do Concello ou un Plan de Dinamización Lingüística. Tamén propoñen que se garanta a atención pública en todos os servizos municipais en galego e
que se aplique a chamada “oferta positiva” para que a lingua galega sexa a primeira
opción na atención á cidadanía. A creación dunha Oficina Municipal de Dereiros Lingüísticos, a posta en marcha dun programa estable de promoción do uso do galego en Lalín, especialmente entre a mocidade, promover o uso da lingua no sector comercial e na hostalaría ou desenvolver accións de apoio a neofalantes e ofrecer cursos gratuítos, son outras propostas.
Na moción recóllese expresamente a demanda de que se garanta e priorice o uso do galego en todos os eventos públicos organizados ou subvencionados polo Concello.
Comments