top of page

O BNG de Silleda reclama ao goberno local que atenda as demandas da veciñanza do Castro

Ecos da Comarca/Silleda

Os concelleiros do Bloque de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz, no transcurso dunha visita á parroquia do Castro e logo de reiteradas peticións formuladas en varias sesións plenarias, veñen de constatar que as mesmas "foron reiteradamente desatendidas polo goberno municipal". Dende o BNG lembran que reclamaron xa en varias ocasións a limpeza da Carballeira do Castro, xunto coa poda das pólas secas, así como o tratamento antifúnxico que corresponde para a correcta conservación destas árbores centenarias. "Sen embargo, dende o Concello de Silleda non se fixo nada, pasando estas árbores un ano máis sen o adecuado mantemento que merece este espazo público singular que, lembremos, foi doado pola veciñanza. A isto hai que engadir a situación de abandono de toda a cercado exterior de madeira, que precisa un reforzo nalgúns puntos e que se trate a madeira para evitar que se continúe deteriorando".

Así mesmo, remarcan que tanto este ano como o anterior "foron os propios veciños os que tiveron que desbrozar ese espazo cos seus propios medios, ao ver que o goberno municipal non tomaba ningunha acción para o mantemento". Desde o BNG consideran que non é de recibo que os veciños sexan os que teñen que ir desbrozar para poder acceder aos espazos públicos xestionados polo Concello.


“Reclamamos ao goberno que teña unha maior sensibilidade polo coidado dun espazo singular como é a Carballeira do Castro, doada pola veciñanza e chea de árbores fermosas que precisan mantemento especializado,” comenta a portavoz, Erea Rey, que engade que “vemos como a realidade contrasta coa imaxe que tenta vender o goberno en redes sociais, presumindo de ter as áreas verdes ben acondicionadas para a temporada estival”.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Así mesmo, desde o Bloque queren dar voz a outras demandas que foron trasladadas pola veciñanza, comezando polo asfaltado da pista que vai dende a estrada principal (PO6502) ata a estrada da estación de tren, que está chea de buratos que dificultan o paso de vehículos. Nese sentido, os concelleiros anuncian que pedirán que esta vía se inclúa na próxima lista de camiños a arranxar con asfalto, dando así continuidade ao plan en marcha para asfaltar 20 kms de pistas e que xurdiu como resultado dunha proposta levada ao pleno municipal polo BNG.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por último, a veciñanza da parroquia solicitou a restitución de dous farois que caeron logo dun presunto accidente. "Entendemos que, transcorridos catro meses, o goberno municipal tivo tempo suficiente para facer que a concesionaria cumprise o contrato e restituíse as luminarias".

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page