O BNG de Lalín denuncia falta de atención tamén en Psicoloxía no CIS
Pacientes denuncian demoras de case 6 meses para unha cita de tratamento que están sendo adiadas por novas baixas de profesionais
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín segue a recibir queixas e denuncias de veciñas e veciñas, usuarias do Centro Integral de Saúde (CIS) que están a padecer “retrasos imposibles e inxustificados” no servizo de saúde mental. A voceira nacionalista, Mari Fernández Sanmartín, critica que “hai pacientes que levan case seis meses agardando por unha cita en Psicoloxía para establecer tratamento aos seus padecementos, e estes días veñen de ver adiadas súas citas porque hai unha baixa no servizo”.

Non é a primeira vez que o BNG de Lalín denuncia o “lamentable e terceiromundista
servizo de saúde mental co que conta o CIS, con pacientes de psiquiatría que levan máis dun ano agardando por consultas das que moitas veces depende ademais a medicación, fundamental nestas doenzas”. A nacionalista lembra que “temos denunciado estas carencias do servizo de saúde mental no CIS publicamente en numerosísimas ocasións”.
Sinala o BNG de Lalín que “non é de recibo o pasotismodiante desta gravísima problemática” por parte do goberno local do PP. Fernández Sanmartín explica que o BNG ten denunciado publicamente, a última vez hai pouco máis dun mes, a carencia de profesionais para dar unha axeitada cobertura a un servizo de psiquiatría que non só presta asistencia as veciñas e veciños de Lalín, senón aos 35.000 usuarios de toda a comarca". O BNG de Lalín considera “inadmisible” que calquera veciña e veciño do Deza que precise asistencia en materia de saúde mental “ten que ter cartos e ir á privada, porque na pública está sentenciado a agardar un ano para ser atendido”.
PUBLICIDADE

Agora, como un novo problema engadido, a voceira do BNG de Lalín vén de recibir a
queixa de varios usuarios do servizo de Psicoloxía que levaban entre seis e oito meses agardando por unha cita, datada para esta mesma semana de novembro, que foron en
principio adiadas telefonicamente para uns días despois e nunha chamada posterior quedaron definitivamente suspendidas pendente dunha chamada para nova citación pola
baixa da profesional sanitaria.
Fernández Sanmartín considera “intolerable” que unha administración sanitaria como o
Sergas “non sexa quen de dar unha cobertura dimensionada ao servizo fundamental da
saúde mental”. Critica a voceira nacionalista que o BNG ten expresado pública e
reiteradamente queixas a respecto do funcionamento desde servizo “mentres o goberno
do PP mira cara outro lado, e o alcalde dedícase estes días a andar de campaña electoral
vendendo fume e facendo ouvidos xordos aos problemas da súa veciñanza”.
PUBLICIDADE
O BNG de Lalín seguirá demandando “unha axeitada cobertura sanitaria pública para as
veciñas e veciños de Lalín”. Afirma Fernández Sanmartín que “non imos consentir que nos sigan vendendo un edificio baleiro mentres as veciñas e veciños están día si e día tamén sen citas médicas, nin probas diagnósticas nin servizo de saúde mental”.








Comentarios