Ecoloxistas Galiza denuncia un novo episodio de turbidez e restos no río Pontiñas
Esixe transparencia na xestión da auga en Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
Ecoloxistas Galiza “Atlántica e Verde” denunciou ante Augas de Galicia, o SEPRONA, a Consellería de Sanidade, o Concello de Lalín e Aquadeza un novo episodio observado o 25 de novembro, sobre las 11:00 horas, no río Pontiñas, en Lalín: "unha gran mancha gris moi turbia flotando sobre a auga, á altura dunha ponte do paseo fluvial, e restos brancos con aspecto de toalliñas e plásticos na beira".
Descoñécense a procedencia e o grao de contaminación. Os restos poderían saír de rexistros ou aliviadoiros da rede de saneamento, pero iso non está comprobado e é o que se pide investigar.

Segundo veciños, episodios así se repiten con certa frecuencia nese tramo. En agosto, a asociación xa denunciou verteduras e eutrofización no mesmo río. Segundo o expediente que lle remitiu Augas de Galicia, "a vertedura da depuradora de Lalín acumula unha sanción de 15.000 euros, cualificada como leve, e catro sancións previas".
A denuncia chega en plena crise da auga de abastecemento de Lalín. "Segundo veciños e prensa, a auga estaba turbia desde a madrugada do 11 de novembro e o aviso oficial chegou o venres 13; o 16 o alcalde levantou as restricións mediante un bando baseado en información de la concesionaria, sen publicar as análises. A resposta de Sanidade do 20 de novembro cualifica o episodio de «extraordinario», pero non indica datas de detección e aviso nin os valores medidos".
PUBLICIDADE

E recalca que Augas de Galicia, o Concello e Aquadeza seguen sen responder os escritos do 14 de novembro. "Non hai constancia de relación entre o episodio do Pontiñas e a turbidez da auga de abastecemento, que segundo a prensa procede das captacións do río Asneiro. Por iso a asociación pide que se descarte ou confírmese con datos".
Ecoloxistas Galiza considera inaceptable que, dúas semanas despois, os veciños e os negocios de Lalín sigan sen coñecer as análises microbiológicos da súa auga, sen explicacións sobre como se actuou nos primeiros días e sen resposta ás preguntas formuladas por escrito. Ao seu xuízo, quen ten a obrigación de vixiar, informar e publicar os datos deben facelo xa.
PUBLICIDADE
A asociación pide:
• Unha inspección inmediata de rexistros, colectores e aliviadoiros do tramo, con toma de mostras e un informe público.
• Que se diga se hai captacións de auga para consumo humano augas abaixo do punto da vertedura.
• A publicación dos boletíns analíticos da auga de abastecemento de Lalín desde o 9 de novembro e do informe sanitario que avalou o levantamento do aviso.
• Un calendario público de actuacións na planta de tratamento e nas captacións.








Comentarios