As comarcas alzan a voz contra a violencia machista no 25N
Centros educativos, concellos, colectivos feministas e veciñanza participaron este mércores en diferentes actos de sensibilización, lembranza das vítimas e reivindicación da igualdade
Laura Moure/Xeral
O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, deixou este mércores diferentes mostras de compromiso na comarca, con actos institucionais, lecturas de manifestos, minutos de silencio, actividades educativas, homenaxes e mobilizacións feministas.
A xornada serviu para reivindicar que a igualdade é un dereito, condenar todas as formas de violencia machista e lembrar ás mulleres vítimas, así como ás súas familias e aos menores que tamén sofren as consecuencias desta violencia.

En Monterroso, o alcalde, Eloy Pérez, foi o encargado de ler o manifesto con motivo do 25N no IES de Monterroso, nun acto que trasladou á comunidade educativa a mensaxe de que «a igualdade non é unha concesión: é un dereito».
Melide celebrou a lectura dunha declaración institucional no salón de plenos da Casa Consistorial. A concelleira de Política Social e Igualdade, Carmen Liñeira, foi a encargada de ler o documento, acompañada polo alcalde, José Manuel Pérez, e os edís Xosé Igrexas e Ana Mosteiro.

A declaración reafirmou a condena e o rexeitamento de todas as formas de violencia machista, lembrando ás vítimas, ás súas fillas e fillos e ás súas familias. O texto tamén puxo o foco no papel esencial dos concellos na prevención, na detección de situacións de risco e na sensibilización social, así como na necesidade de contar cun financiamento suficiente e estable e dunha maior cooperación entre administracións. «Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista», recolleu o documento.
PUBLICIDADE

En Touro, a programación combinou a lectura do manifesto institucional cun obradoiro dirixido a familias e á cativada, apostando pola educación e a sensibilización desde as idades máis temperás como ferramentas fundamentais para previr a violencia machista.
En Palas de Rei, o acto central desenvolveuse no pavillón polideportivo do CEIP. A convocatoria reuniu ás comunidades educativas do CEIP de Palas de Rei e do IES do Camiño, cun minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura do manifesto contra a violencia de xénero a cargo do alumnado.

A educación e a participación colectiva tamén tiveron protagonismo en Antas de Ulla, onde a Praza Nova acolleu unha xornada de unión, sensibilización e compromiso coa igualdade. Os asistentes puideron visitar unha exposición colaborativa dos recursos municipais, educativos e socioculturais, recibir chapas deseñadas por Maiores en Acción e coñecer o xogo Corresponsabilidade Vacuna. Un dos momentos centrais foi a lectura do manifesto por parte do alumnado do CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla.
En Silleda, a conmemoración tivo un compoñente especial de recoñecemento. O Concello homenaxeou a Marina Ledo Sobrado, natural de Fiestras e unha das primeiras mulleres en incorporarse á Policía Local de Vigo, nomeándoa (in)Visible do 25N. O acto celebrado na Casa do Concello reivindicou a súa traxectoria pioneira e a importancia de visibilizar referentes femininos en profesións tradicionalmente masculinizadas.

Cooperación entre concellos e mobilización feminista
A loita contra a violencia machista tamén se abordou desde a colaboración institucional. Os concellos de Arzúa, Boimorto e Santiso formalizaron este martes un convenio de colaboración interinstitucional destinado a fortalecer a prevención, detección e atención integral fronte ás violencias machistas na comarca. O acto tivo lugar nas instalacións do Centro de Información á Muller (CIM) de Arzúa, no marco da programación do 25N.
En Lalín, a reivindicación trasladouse tamén á rúa coa convocatoria de Azos Feministas, que chamou á cidadanía a participar nunha concentración e berro colectivo contra as violencias machistas ás 20:30 horas no Kilómetro 0.
Estas foron só algunhas das diferentes iniciativas celebradas ao longo da xornada volveron poñer de manifesto a importancia de implicar a toda a sociedade, desde as institucións e os centros educativos ata as familias e os colectivos sociais, para avanzar na prevención, na protección das vítimas e na erradicación da violencia machista.
PUBLICIDADE
Porque detrás de cada manifesto, cada minuto de silencio, cada homenaxe e cada concentración hai unha reivindicación compartida: que ningunha muller teña que vivir con medo, que ningunha vítima quede soa e que a igualdade deixe de ser unha aspiración para converterse nunha realidade.
O 25N é unha data para lembrar, reivindicar e actuar. A loita contra a violencia machista non pode limitarse a un día no calendario.








Comentarios