O BNG de Cruces pide unha alegación conxunta da Corporación contra os eólicos Cunca e Rodeira
Álex Fiúza pide que todas as forzas políticas municipais unan esforzos para defender o territorio e os intereses da veciñanza fronte a unha infraestrutura que afecta directamente aos viais e ao medio rural do concello
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces rexistrou unha solicitude formal no Concello para ter acceso e
obter copia íntegra da alegación presentada polo Goberno municipal o pasado 4 de
novembro contra o proxecto denominado «Solución de evacuación conxunta PE Cunca e
PE Rodeira» segundo asegurou o alcalde Taboada na reunión veciñal do pasado sábado 21 de novembro en Bodaño.
O portavoz municipal do BNG, Álex Fiúza, explica que a formación nacionalista considera
necesario coñecer o contido exacto do escrito presentado polo Goberno local, así como os
argumentos e as demandas formuladas, para poder avaliar o alcance da posición municipal e traballar nunha resposta compartida.

Precisamente, o BNG levará ao pleno deste venres unha moción na que propón que todas
as forzas políticas da corporación que así o consideren impulsen e presenten unha
alegación conxunta en defensa dos intereses de Vila de Cruces, antes de que remate o
prazo de información pública.
"Estamos ante unha cuestión que afecta directamente ao noso territorio, ás propiedades,
aos recursos naturais e ás infraestruturas municipais. Vila de Cruces non pode quedar á
marxe nin afrontar esta problemática cunha resposta política fragmentada. Cremos que hai
motivos suficientes para que todas as forzas da corporación poidamos traballar nunha
posición común", sinala Fiúza.
PUBLICIDADE

O portavoz nacionalista lembra que o proxecto de evacuación conxunta dos parques eólicos Cunca e Rodeira contempla infraestruturas eléctricas de alta tensión que afectan aos concellos de Vila de Cruces, Lalín e Silleda. Entre as cuestións que considera
especialmente preocupantes están as afeccións aos viais municipais, a proximidade do
trazado a vivendas e núcleos rurais, os impactos sobre as masas forestais autóctonas e as
posibles afeccións aos recursos hídricos, incluíndo mananciais, captacións veciñais e
regatos.
A documentación das alegacións presentadas contra este proxecto tamén cuestiona a oportunidade de continuar coa tramitación da declaración de utilidade pública e a urxente
ocupación dos terreos cando os parques eólicos dos que depende a infraestrutura se
atopan afectados por procedementos xudiciais e medidas cautelares do Tribunal Superior
de Xustiza de Galicia.
Neste sentido, o BNG considera que deben examinarse con rigor as consecuencias
territoriais, ambientais e socioeconómicas desta infraestrutura, así como a xustificación da
necesidade e urxencia das ocupacións pretendidas. "Non estamos falando unicamente dunha liña eléctrica que atravesa o territorio. Estamos falando das consecuencias que pode ter sobre as nosas parroquias, as explotacións agrogandeiras, os recursos naturais e os bens públicos. A defensa do territorio debe estar por riba de calquera diferenza partidista", afirma Álex Fiúza.
PUBLICIDADE
Desde o BNG insisten en que a proposta de alegación conxunta non pretende substituír nin
cuestionar as iniciativas que xa puidese adoptar cada grupo, senón sumar esforzos, reforzar os argumentos e trasladar unha mensaxe clara á Xunta de Galicia: Vila de Cruces ten dereito a defender o seu territorio e a esixir que se teñan en conta os prexuízos que esta infraestrutura pode ocasionar. "Agardamos que o resto dos grupos municipais estean á altura desta responsabilidade e que sexamos capaces de acordar unha resposta común. Hai cuestións nas que a corporación municipal debe traballar unida, porque o que está en xogo non é unha cuestión partidaria, senón o futuro do noso territorio e das persoas que viven nel", conclúe o portavoz do BNG.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Bodaño acollerá hoxe unha reunión informativa sobre os proxectos eólicos e a LAT Cunca-Rodeira: https://www.ecosdacomarca.com/post/boda%C3%B1o-acoller%C3%A1-hoxe-unha-reuni%C3%B3n-informativa-sobre-os-proxectos-e%C3%B3licos-e-a-lat-cunca-rodeira
Vídeo da reunión informativa: https://www.facebook.com/reel/2605561176522554








Comentarios