Fiúza denuncia a queima habitual de residuos vexetais nos terreos do polígono de Aguillóns
O BNG reclama un cambio radical na xestión dos residuos municipais en Vila de Cruces
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O portavoz municipal do BNG de Vila de Cruces, Álex Fiúza, denuncia a práctica habitual de queimar restos de podas e outros residuos nos terreos do que se presenta como o suposto polígono agroforestal de Aguillóns, nas proximidades do Punto Limpo municipal. "Este venres 27 de novembro, mentres no pleno de aprobaba o Plan de Prevención de
Incendios, xunto ao punto limpo podíase observar unha importante columna de fume
procedente dunha queima de residuos, así como a presenza dunha pa mecánica e varias
furgonetas municipais". "Unha situación que, lonxe de ser un feito illado, evidencia unha
forma de actuar" que o BNG considera "absolutamente inadecuada para un concello que
debería dar exemplo na protección ambiental e na xestión responsable dos residuos".

"A administración municipal debería ser a primeira en dar exemplo, non en perpetuar
prácticas que pertencen a outro tempo", sinala Álex Fiúza. O portavoz nacionalista lembra que o BNG leva propoñendo en reiteradas ocasións alternativas para mellorar a xestión dos residuos municipais, reducir o volume de lixo destinado a Sogama e aproveitar os recursos que actualmente se están desperdiciando. Fiúza pon como exemplo o modelo de Tomiño, que desenvolveu unha rede de puntos verdes distribuídos polo municipio para depositar restos de poda, que posteriormente son recollidos e triturados para seren utilizados como estruturante nos centros de compostaxe comunitaria. O Concello tamén ofrece á veciñanza o préstamo de biotrituradoras para facilitar a xestión dos restos vexetais nas propias parcelas.
Outro exemplo, apunta, é Allariz, que consolidou un modelo de xestión baseado na compostaxe doméstica e comunitaria, con 24 áreas de compostaxe, composteiros familiares e unha planta municipal de agrocompostaxe. Un sistema que permite transformar residuos orgánicos nun recurso útil para os espazos verdes e as explotacións locais. "Non estamos pedindo nada extraordinario nin imposible. Estamos propoñendo que Vila de Cruces deixe de tratar os restos vexetais como un problema do que hai que desfacerse e comece a entendelos como un recurso que se pode aproveitar. Outros concellos galegos xa o están facendo, e non hai ningunha razón para que aquí sigamos instalados na improvisación e na queima", afirma Fiúza.
PUBLICIDADE

Por iso, reclama ao goberno de Luis Taboada que abandone estas prácticas e poña en marcha un plan municipal de xestión dos residuos vexetais que contemple, a creación de
puntos verdes de proximidade, distribuídos polas parroquias, a trituración dos restos vexetais para obter material estruturante destinado á compostaxe, o impulso da compostaxe doméstica e comunitaria e o aproveitamento do compost resultante nos parques, xardíns e espazos públicos municipais.
PUBLICIDADE
O portavoz nacionalista considera que esta alternativa permitiría reducir os residuos que se
transportan e pagan a Sogama, diminuír os custes municipais e avanzar cara a unha xestión máis sostible, descentralizada e adaptada á realidade rural de Vila de Cruces. "O que non pode facer este goberno é seguir pedindo esforzos á veciñanza mentres non aplica nin sequera as alternativas máis básicas desde a propia administración. Vila de
Cruces necesita planificación, responsabilidade ambiental e vontade de aproveitar os recursos públicos. Queimar residuos non pode seguir sendo a resposta á falta dunha
política municipal de xestión", conclúe Álex Fiúza.








Comentarios