Silleda vivirá un Nadal marcado pola maxia e a música con preto de 40 actividades
Un videomapping na fachada da igrexa de Santa Olaia, espectáculos de maxia, concertos, unha carpa de xogos e a xornada deportiva solidaria DeporNadal figuran entre as citas máis destacadas
Laura Moure/Silleda
A maxia e a música serán o fío condutor da programación de Nadal do Concello de Silleda, que este ano reúne preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos. Espectáculos, concertos, teatro, obradoiros, propostas de lecer infantil, citas deportivas e iniciativas de dinamización comercial conforman unha ampla e variada oferta que se prolongará ata o 8 de xaneiro.
O Concello de Silleda volve apostar por unha programación participativa, na que o talento local e a implicación do tecido asociativo teñen un especial protagonismo, procurando converter as rúas, prazas e espazos culturais do municipio en lugares de encontro durante estas datas.
Un acendido de Nadal moi especial
O sábado 5 de decembro, ás 20:00 horas, a praza Siñor Afranio será o escenario de 3, 2, 1... Acendemos o Nadal!, un espectáculo sorpresa no que a música e a ilusión serán as encargadas de dar a benvida ás festas.

Outra das grandes citas das primeiras semanas será o sábado 12 de decembro, ás 20:00 horas, cun espectáculo audiovisual de videomapping que transformará a fachada da igrexa de Santa Olaia de Silleda a través das imaxes, a luz e o son.
Un Nadal a ritmo de música e con moita maxia
A música terá unha presenza destacada ao longo de toda a programación. O sábado 19 de decembro celebrarase o tradicional concerto de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza Silleda na igrexa parroquial, mentres que o domingo 20 será a quenda do alumnado da Escola de Música Municipal de Silleda, coa súa audición no auditorio da Semana Verde de Galicia.
O mércores 23, a partir das 13:00 horas, a rúa Santa Eulalia acollerá unha nova cita co Tuba Xmas, da man do alumnado e músicos da Banda Municipal de Silleda. A formación ofrecerá, ademais, o seu tradicional Concerto de Nadal o domingo 27 de decembro, ás 18:00 horas, no pavillón 1 da Semana Verde de Galicia. Xa en xaneiro, o domingo día 3, o auditorio Manuel Dopazo da Bandeira acollerá o Concerto de Aninovo, ca participación da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, o Coro Vales Mahía, Xirandola e Enredos Teatro.
A maxia chegará da man de Nacho Samena, co espectáculo Sugestión, que combina maxia e música e que poderá verse o venres 18 de decembro, ás 19:30 horas, no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. O sábado 2 de xaneiro será o mago Pablo Estévez quen achegue a súa proposta Trangalladas ao salón parroquial de Silleda, ás 19:00 horas, con entrada libre.
Unha carpa de Nadal para xogar ao enxoito
Os máis pequenos da casa serán, un ano máis, grandes protagonistas destas festas. Do 22 ao 26 de decembro instalarase na praza Juan Salgueiro de Silleda unha carpa de Nadal que permitirá desfrutar de propostas de lecer ao abeiro das inclemencias meteorolóxicas, seguindo as indicacións dun particular personaxe: o elfo mandarín.
O mércores 23 de decembro, ás 17:00 horas, a praza Siñor Afranio acollerá o espectáculo de circo e humor Cirkote, de Kote Malabar, mentres que o día 30 o pavillón César González Fares será escenario da Festa de Fin de Ano Infantil, entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Non faltarán tampouco as agardadas visitas de Papá Noel, que recibirá aos nenos e nenas na Casa do Concello na mañá do 24 de decembro e percorrerá as rúas da Bandeira o día 25, para rematar ca recepción no Centro Cultural Vista Alegre.
A tradicional Cabalgata de Reis, o martes 5 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, partirá da Casa do Concello para vivir unha das tardes máis especiais do ano. DeporNadal, deporte e solidariedade e San Silvestre
PUBLICIDADE

Unha das novidades desta edición será DeporNadal, unha xornada que se celebrará o sábado 26 de decembro no pavillón César González Fares e que aunará deporte e solidariedade coa implicación das escolas deportivas do municipio.
Durante toda a xornada sucederanse as actividades, cun torneo de fútbol biberón e exhibicións de patinaxe, kung fu, atletismo, esgrima e baloncesto, nunha iniciativa que busca poñer en valor, máis alá da práctica deportiva, a capacidade do deporte para transmitir valores e mobilizar á sociedade arredor dunha causa solidaria.
O deporte volverá ser protagonista na última mañá do ano coa celebración da San Silvestre e do San Silvestriño, en colaboración co Club Trasdeza Trail Run. A xornada completarase coa tradicional Gala de Pre Fin de Ano, unha cita para facer balance dos últimos doce meses e recoñecer a persoas e colectivos que deixaron a súa pegada neste 2026.
Cultura e lecer para todas as xeracións
A programación inclúe tamén diferentes propostas de convivencia e lecer dirixidas ás persoas maiores, comezando polo tradicional Xantar de Nadal, que se celebrará o martes 8 de decembro no restaurante da Semana Verde. Haberá, ademais, obradoiros creativos, unha sesión de tardeo, o Ensaio de Fin de Ano e o Baile de Reis.
No apartado cultural, o xoves 10 de decembro presentarase na Casa do Concello o libro de Mari Carmen Ruzo Leliña. A maxia das cousas miúdas, mentres que a compañía A Cova das Letras achegará o seu espectáculo teatral Costureiriña bonita ás parroquias de Cortegada e Escuadro, os días 22 e 28 de decembro, respectivamente.
A Asociación Cultural Vista Alegre contribuirá un ano máis á dinamización do Nadal na Bandeira coa inauguración do seu belén artesanal, o 11 de decembro, unha demostración gastronómica de Nadal, o día 18, e un obradoiro infantil de elaboración de adornos, o día 21.
Pola súa banda, a SD Silleda organiza o sábado 26 de decembro unha Festa de Nadal na praza Juan Salgueiro, coas actuacións do grupo local Área 33 e DJ Smile.
Un Nadal que tamén se vive no comercio local e nas parroquias
A dinamización comercial e a participación veciñal serán outros dos piares da programación. O Concello, en colaboración coa Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), promoverá diferentes iniciativas para incentivar as compras nos establecementos de proximidade.
Entre elas figuran as xincanas Navidecos, con sesións os días 18 de decembro e 4 de xaneiro, tanto en Silleda como na Bandeira nesta última data, así como a visita dos elfos aos establecementos comerciais de Silleda na tarde do 21 de decembro. A entidade empresarial desenvolverá tamén o seu calendario de Advento e a campaña de roscóns de Reis con billetes ECOS.
PUBLICIDADE
A estas propostas súmanse unha nova edición do certame de decoración de Nadal Silleda Fai Nadal e a iniciativa Vai de Parroquias, que baixo o título Sinfonía Élfica Nº 33 convidará a percorrer o municipio entre o 30 de novembro e o 2 de xaneiro.
O sorteo de Vai de Parroquias, o día 7 de xaneiro, e o sorteo extraordinario de Reis de ECOS, o día 8, porán o broche final a máis dun mes de actividades coas que o Concello de Silleda convida a toda a veciñanza a compartir e desfrutar da maxia do Nadal.
Decoración de prazas e rúas
Por outra banda, tamén se está a ultimar estes días a decoración de espazos públicos que completará o alumeado de Nadal, no que volverán a figurar un ano máis as xa emblemáticas regadeiras, elemento que se ampliará este ano a novas rúas onde sexa posible a súa conexión ás farolas existentes.








Comentarios