O BNG de Cruces lanza unha campaña de sinaturas para esixir actuacións urxentes no centro de saúde
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 2 min de lectura
Álex Fiúza e Ariadna Fernández denuncian o abandono das instalacións e reclaman
feitos inmediatos da Xunta
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG presentou unha campaña de recollida de sinaturas para esixir actuacións urxentes no centro de saúde de Vila de Cruces, co obxectivo de mobilizar á veciñanza ante o deterioro dun servizo básico e fundamental. Na presentación participaron o portavoz municipal do BNG, Álex Fiúza, e a deputada no Parlamento de Galicia Ariadna Fernández, quen lembraron que foi a presión política exercida polo Bloque a que levou esta problemática ao Parlamento galego e obrigou á Xunta a posicionarse.

Fernández denunciou as graves deficiencias do centro —goteiras, humidades, presenza de mofo e problemas de seguridade— e lembrou que o Sergas tivo que comprometerse a
avaliar actuacións e estudar unha intervención no edificio ante a evidencia do seu deterioro.
Pola súa banda, Fiúza foi contundente ao afirmar que “se hoxe existen compromisos por
parte da Xunta é exclusivamente pola presión do BNG e da veciñanza, non por iniciativa propia da administración”. O portavoz nacionalista criticou ademais os atrasos no
cumprimento destes compromisos, lembrando que a visita realizada en marzo rematou cun
novo anuncio: a redacción dun proxecto para a renovación da cuberta e a mellora do
edificio.
PUBLICIDADE
Porén, desde o BNG advirten de que a situación xa non admite máis demoras. “Non
falamos de melloras accesorias, falamos de garantir condicións mínimas de seguridade e
dignidade nun servizo sanitario público”, subliñou Fiúza.
A campaña de sinaturas busca trasladar á Xunta de Galicia e ao Concello de Vila de Cruces unha esixencia clara da veciñanza: a actuación inmediata sobre o centro de saúde.
Entre as principais demandas figuran a humanización da área de pediatría —coa mellora da sala de agarda, a instalación de cambiadores e a creación dunha sala de lactancia—, así como a sinatura urxente dun convenio entre administracións que permita executar as obras necesarias.
PUBLICIDADE
O BNG reclama tamén o arranxo inmediato da cuberta para evitar filtracións, a reparación
da fachada ante o risco de desprendementos e a intervención nas deficiencias estruturais
do edificio. “É inadmisible que un centro de saúde presente estas condicións en pleno século XXI. A veciñanza de Vila de Cruces merece un servizo sanitario digno”, concluíu Fiúza.
A campaña desenvolverase nas próximas semanas en diferentes puntos do concello e
rematará coa entrega das sinaturas ás administracións competentes. Desde o BNG esixen ao novo equipo directivo do Sergas que asuma responsabilidades e execute sen máis dilación os compromisos adquiridos, advertindo de que non aceptarán novos anuncios nin máis atrasos nun asunto que afecta directamente á saúde da veciñanza.








Comentarios