O BNG de Cruces denuncia os continuos vertidos no río Deza e pide medidas urxentes ás administracións
- ecosdacomarca

- 9 sept
- 2 Min. de lectura
A formación nacionalista alerta da presenza reiterada de escuma no leito fluvial, reclama transparencia sobre a calidade da auga e insta a todos os concellos da contorna a actuar
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Bloque Nacionalista Galego de Vila de Cruces manifesta a súa preocupación polos vertidos detectados no río Deza, visibles en diferentes puntos do municipio e especialmente preocupantes pola súa repetición ano tras ano. "A aparición de escuma e restos contaminantes supón un risco para o ecosistema e para o aproveitamento social e económico do río", recalca.

Segundo sinala Alejandro Fiuza, portavoz do BNG de Vila de Cruces: “É inaceptable que, cada ano, asistamos a episodios de vertidos sen que se adopten medidas contundentes. A saúde do río Deza e o benestar da nosa veciñanza están en xogo.”
A formación lembra que a situación repítese constantemente, sen que as administracións con competencias ambientais (Xunta, Confederación Hidrográfica e Concellos) poñan en marcha actuacións que atallen a orixe do problema. “Non chega con abrir expedientes: é necesario un plan integral de control e saneamento que inclúa inspeccións periódicas, sancións a quen contamina e investimentos en depuración”, engade Fiuza.
Publicidade
O BNG de Vila de Cruces reclama ademais:
Que o Concello actualice de inmediato a sinalización da calidade da auga na área da Carixa, para evitar mensaxes enganosas á veciñanza e visitantes.
Que os restantes concellos polos que discorre o Deza e os seus afluentes adopten
medidas semellantes e investiguen posibles focos de contaminación,
"especialmente ante as sospeitas de que os vertidos poidan proceder dunha EDAR que non funciona correctamente".
Publicidade
A formación nacionalista comprométese a levar esta problemática aos plenos municipais, ao Parlamento Galego e ao resto de órganos supramunicipais correspondentes, co obxectivo de que o Deza recupere a súa saúde ecolóxica e continúe a ser fonte de vida e riqueza para o territorio.








Comentarios