O BNG de Agolada esixe solucións inmediatas para unha persoa dependente do SAF
Pide explicacións pola tardanza na posta en marcha da bolsa de emprego
Ecos da Comarca/Agolada
O BNG de Agolada quere expresar a súa profunda preocupación pola situación denunciada publicamente por unha familiar dunha persoa con dependencia total, que asegura que quedou varios días sen a atención do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á que ten dereito. "Falamos dunha persoa que precisa atención diaria para desenvolver actividades básicas da súa vida. E falamos dunha situación que non debería producirse nunca", recalca o Bloque.

O máis grave, apunta, "é que este problema non colleu a ninguén por sorpresa". O pasado 5 de marzo o BNG levou ao pleno unha moción para abordar precisamente as dificultades que estaba tendo o Concello para cubrir baixas e vacacións no SAF. "Non nos limitamos a criticar. Fixemos o que debe facer unha oposición responsable: analizar o problema, propoñer solucións e levalas ao pleno".
A moción foi aprobada polo pleno municipal. "Porén, a bolsa de emprego contemplada entre as medidas para reforzar a capacidade de resposta do servizo non foi publicada ata o pasado 10 de xuño, máis de tres meses despois. E agora a pregunta é inevitable: que pasou durante todo ese tempo? Porque hoxe atopámonos cunha persoa dependente sen atención e cun goberno municipal que responde que non hai persoas apuntadas na bolsa.
Pois claro que non as hai. Como vai haber persoas dispoñibles nunha bolsa de emprego que acaba de saír publicada? Precisamente por iso levamos a moción en marzo e non en xuño. Precisamente por iso advertimos do problema cando aínda había tempo para actuar.
Precisamente por iso presentamos propostas concretas que foron aprobadas polo pleno".
PUBLICIDADE
Segundo sinala a portavoz nacionalista, Susana Tato, "estou enfadada porque isto era evitable. Non estamos denunciando un problema que apareceu onte. Estamos falando dun problema que advertimos hai meses, para o que presentamos solucións, que foron aprobadas polo pleno e que, aínda así, non se abordou coa rapidez necesaria. E agora hai unha persoa dependente pagando as consecuencias".
Para o BNG, o máis preocupante neste momento é que a día de hoxe "seguimos sen saber que solución lle vai dar o Concello á persoa afectada. O único que sabemos é que non hai persoal. Pero iso non é unha solución. A min non me preocupa que non haxa xente apuntada nunha bolsa que acaba de saír publicada. O que me preocupa é que haxa unha persoa dependente que leva días sen recibir a atención que precisa e que o Concello aínda non explique como pensa resolver esta situación", afirma Susana Tato.
O BNG considera que, mentres non exista persoal suficiente para cubrir a baixa, o Concello debe estudar de maneira urxente todas as medidas organizativas posibles para garantir a atención das persoas con maior grao de dependencia, incluída a reorganización temporal dos recursos dispoñibles, sempre respectando os dereitos do conxunto das persoas usuarias do servizo. "Porque o preocupante non é que unha traballadora colla unha baixa laboral. Iso pode pasar mañá, pasado ou dentro dun mes. O preocupante é que o Concello levaba meses sabendo que podía ocorrer e non preparou unha resposta".
PUBLICIDADE
Por desgraza, salienta, "esta situación volve poñer de manifesto unha forma de gobernar que xa coñecemos demasiado ben. Os problemas identifícanse, as propostas apróbanse, os acordos quedan gardados nun caixón e só se actúa cando a realidade acaba estoupando diante de todos. En política non vale con aparecer cando hai un problema e dicir que non hai solución. A obriga de quen goberna é prever os problemas antes de que sucedan".
Por todo isto, o BNG de Agolada esixe ao goberno municipal que informe de maneira inmediata das medidas que vai adoptar para garantir a atención da persoa afectada, "que explique por que se tardou máis de tres meses en poñer en marcha unha das medidas aprobadas polo pleno e que presente un plan serio para asegurar que ningunha persoa usuaria do SAF volva quedar sen servizo por falta de previsión. Porque cando unha persoa dependente queda sen atención, xa non estamos ante un problema administrativo. Estamos ante o resultado de non actuar a tempo cando aínda había marxe para facelo".









Comentarios