Solicita que se manteñan reunións nas zonas afectadas para que os veciños saiban a afección nas súas propiedades antes de rematar o prazo de presentación das alegacións
Ecos da Comarca/Agolada
A concelleira do BNG na Agolada, Susana Tato, vén de rexistrar un escrito solicitando ao alcalde, Luis Calvo, que poña a disposición da veciñanza de Agolada en horario de apertura do concello o proxecto de Altri que está actualmente en fase de exposición pública.

No mesmo tamén solicita que se reciba a veciñanza, asociacións, plataformas por parte
do Goberno Local para informalos do proxecto e se lle dea o apoio necesarios para a presentación das alegacións para a Solicitude de Capatación de Auga dende Portodemouros. E máis tendo en conta a urxencia por finalización do prazo o vindeiro 28
de febreiro.
Publicidade
Finalmente, solicita que se manteñan reunións informativas nas zonas afectadas para que cada veciño e veciña saiba a afección nas súas propiedades antes de rematar o prazo de presentación das alegacións, para que cada un poida tomar as decisións que considere oportunas.
O memo tempo, rexistra unha moción para o próximo Pleno no que solicita a creación dunha oficina técnica, atendida por persoal técnico á que poidan acudir veciños e veciñas do concello a informarse e de apoio ás alegacións que queiran formular na defensa dos seus lexítimos intereses e sendo coñecedores en cada momento das distintas fases do proxecto que se pretende levar a cabo en Palas de Rei "e no que o noso Concello está afectado directamente", sinala a edil nacionalista.
Publicidade
Ademais pide que se organicen charlas informativas para toda a veciñanza de Agolada na que participen todos os axentes implicados, co fin de que todos os veciños e veciñas sexan coñecedores do proxecto que se pretende levar a cabo no veciño Concello de Palas de Rei e como vai afectar a Agolada. Algo que xa se fixo en Concellos veciños e que dende o BNG agoladés non comprenden porque non se está a facer na Agolada.
Dende o partido nacionalista deste municipio consideran que "é indignante que o goberno municipal oculte información á nosa veciñanza. Isto crea indefensión da cidadanía ante a administración pública. O feito de que se produza tanto impedimento para acceder ao expediente lévanos a pensar que dito proxecto non vai traer ningún beneficio o noso Concello. Que queren ocultar?".
A concelleira Susana Tato considera que a veciñanza ten dereito a saber como lles vai
afectar o paso da tubería de captación de auga, que no caso do concello de Agolada afecta a máis de 300 fincas cos correspondentes propietarios e propietarias.
Publicidade
Consideran dende a agrupación local do BNG que a obriga do goberno local e principalmente do alcalde é atender a veciñanza así como as asociacións e agrupacións que acoden a el solicitando información. "Somos coñecedores que, por exemplo, a Plataforma da Defensa do Ulla foi plantada nunha reunión que tiñan co tenente alcalde, que non apareceu. E estando Luis Calvo no Concello ese día non tivo a ben recibilos".
"Consideramos dende o BNG de Agolada que estamos a tratar un tema o suficientemente serio e que pode afectar de maneira moi negativa para o noso Concello, como para que os dirixentes, tanto os que están na Xunta como os que están no Goberno Local non dean a cara. Non entendemos cal é o motivo que no noso concello non se organicen charlas
informativas para todo o público, e na que participen os diferentes axentes, así como profesionais especializados, que poidan informar a toda a veciñanza” indica Tato.
Kommentare