O BNG cruceño pídelle ao alcalde que leve a pleno a mellora da PO 960 para presionar á Xunta
Amosa o seu rexeitamento pola desaparición das pancartas instaladas neste vial e lembra que tamén desapareceron en Agolada as que demandaban as parcelarias
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O portavoz municipal do BNG de Vila de Cruces, Álex Fiuza, pídelle ao alcalde, Luís Taboada, que leve ao pleno ordinario de maio a solicitude da mellora da PO 960, cuxo
titular é a Xunta de Galiza, para presionar á propia Xunta co respaldo de toda a corporación municipal.

O BNG recorda que desde hai máis dunha década vén demandando "a mellora da PO 960 en forma de emendas aos orzamentos da Xunta e que o PP sempre vota en contra, proba irrefutable do pouco interese que a Xunta e o PP ten polos problemas de mobilidade da veciñanza do noso concello". Recalca que "a PO 960 é unha vía de extraordinaria importancia para o noso concello posto que nos conecta con Santiago, capital de referencia para moitas actividades diarias da nosa poboación a nivel sanitario, educacional e administrativo. Aparte, é unha vía de intercomunicación municipal que conecta gran parte das nosas parroquias ( Carbia, Bascuas, Piloño, Camanzo, Gres…) coa vila, centro
comercial do concello e moi necesitada de boas vías de comunicación para a supervivencia do noso comercio".
Por todas estas razóns, o voceiro nacionalista anima ao alcalde a levar unha proposta a pleno para que sexa apoiada por toda a corporación municipal e poder trasladar este acordo ao Parlamento e á Xunta de Galiza, xa que se trata dunha necesidade de vital importancia para a vida diaria da veciñanza.
Por outra banda, apunta que "amosamos o rexeitamento á desaparición das pancartas
reivindicativas instaladas ao longo da estrada. Será casualidade, ou non tanto, que hai uns meses tamén desapareceran no concello veciño de Agolada pancartas dirixidas á Xunta de Galiza reclamando as concentracións parcelarias".
NOTICIAS RELACIONADAS:







Comentarios