Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces asegura que non existe ningún tipo de urxencia para convocar un pleno extraordinario para abordar a modificación parcial dos postos da RPT, xa que en nove días toca celebrar o pleno ordinario de novembro, onde podería ir na orde do día, "a non ser que haxa algún interese oculto". "Un goberno que non goza de maioría absoluta debe informar e consensuar co resto da corporación decisións tan importantes como a que se trata nesta modificación, así como a non retirar as competencias do pleno. Aínda que o alcalde, Luis Taboada, considere que é necesario ampliar a cuadrilla de vías e obras, isto non pode ir en detrimento doutros servizos".
Publicidade
Amortización da plaza de conserxe
O posto de conserxe antóxase básico e necesario, e dende o BNG veríase ben a ampliación de competencias neste posto, para dispoñer de persoal técnica de cultura, patrimonio e turismo para fomento de actividades, visitas… e así dotar de contido os edificios públicos como auditorios, museos...
Amortización de protección civil
O posto de persoal de protección civil debería completarse con competencias en medio ambiente e reciclaxe para mellorar o servizo de recollida e punto limpo, "xa que estamos moi lonxe de cumplir as pautas da Unión Europea neste campo, á vez que non se prescinde dun cargo que sería fundamental en situacións de emerxencia.".
Creación dun posto técnico de intervención
"Un novo posto totalmente prescindible no caso de que a persoa que actualmente ocupa intervención realice o seu traballo no propio concello, en lugar de facelo de xeito telemático, e que para contactar con ela nin tan sequera leve o teléfono do concello, ou como solicitar a cobertura do posto de tesoureiría, que actualmente está acumulado en Silleda, e que provoca un descontrol absoluto, en cousas tan elementais como as cotas da escola de música con retrasos de meses".

MODIFICACIÓN de Técnico medio de Urbanismo por Arquitecto Municipal.
Persoal que o BNG leva reclamando a súa cobertura dende que TSXG, no ano 2019 publicou a sentenza que compromete ao concello de Vila de Cruces a volver a convocar probas de acceso libre a este posto, "polas irregularidades da anterior convocatoria do anterior goberno". Nisto o BNG está totalmente dacordo "para así poder prescindir de empresas externas contratadas a dedo, reiteradamente, dende a entrada de Taboada no Goberno".
"En Vila de Cruces existe unha administración paralela, unha pública case sen función, e outra privada financiada con fondos públicos ao servizo dos intereses do alcalde, e aquí os únicos que pagan é a cidadanía", recalca o BNG.
Comments