O BNG critica que non haxa actividades programadas para as crianzas nas festas de Lalín
Mari Fernández lamenta as queixas que está a recibir das familias que “non teñen máis alternativa que pagar”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín, ás portas do comezo das celebracións das Festas das Dores o vindeiro 18 de setembro, critica que desde o goberno local “non se molestaron en programar actividades de lecer específicas para nenos e nenas”. Consideran, desde a organización nacionalista, que os máis pequenos e pequenas tamén deben ser protagonistas das celebracións e contar cunha oferta de ocio pensada para eles e para as súas familias.
A voceira local do BNG, Mari Fernández Sanmartín, denuncia que os nacionalistas “temos recibido queixas estes días de familias lalinenses que non só afrontan os custes da volta ao cole, senón que a maiores sofren a falla de empatía do seu goberno local”. Destaca Fernández Sanmartín que “en toda a programación non haxa unha soa actividade para nenos e nenas e a única alternativa sexa pagar as atraccións e que recade o concello”.

Recalca que as festas deben ser un espazo de encontro para toda a veciñanza, e iso implica deseñar unha programación variada, inclusiva e pensada para todas as idades. "Non abonda con concentrar as actividades musicais e de ocio no público adulto: é necesario ofrecer propostas infantís de calidade".
Desde o BNG reclaman ao goberno que rectifique esta situación e incorpore actividades infantís, como espectáculos, xogos, obradoiros, animación, actividades deportivas ou
propostas culturais adaptadas ás diferentes idades.
PUBLICIDADE
Lembra Fernández Sanmartín que as crianzas de Lalín “fan parte indispensábel do presente e o futuro do noso concello” e critica que desde o goberno local se teña sumado
unha cantidade de cartos para a celebración das Festas das Dores 2026 “sen ter pensado
nin un momento nin nas nenas e nenos nin nos seus pais e as economías domésticas da
veciñanza”.
Desde o BNG de Lalín convidan ao alcalde do PP e ao seu grupo de goberno a facer “un
exercicio de empatía económica coas familias lalinenses”. Sinala Fernández Sanmartín
que “imaxinen que este mes de setembro chegou a volta ao cole, e que son unha familia
de Lalín con dous nenos en idade escolar, segundo as cifras feitas públicas este mes de
setembro as familias galegas gastan de media 414 euros na volta ao cole este ano, no que somos o territorio no que máis aumentou este custe, até un 2,65% respecto dos datos de 2025. Son case 226 euros para uniformes, que se encarecen un 3,7 por cento; e 188 euros de media para libros de texto, cifras ás que se suman outros gastos derivados da época do ano".
PUBLICIDADE
Neste contexto a voceira local do BNG considera “fóra da realidade” que un goberno local que se di preocupado pola veciñanza de Lalín “non tivera en conta programar actividades nin, como ten proposto o BNG en numerosas ocasións, establecer descontos e bonificacións nas atraccións para as familias destas crianzas”. O BNG de Lalín está a
recoller as queixas de moitas destas familias, que considera que “pagar entre 4 e 7 euros por unha atracción por cada neno é un despropósito”.
Critica o BNG que o Concello de Lalín “limitouse a anunciarnos que as atraccións estarán na contorna do concello, sen ofrecer para os máis pequenos e para os pais e nais alternativas de ocio de balde ou con descontos, que atendan á época do ano que están a
afrontar as economías familiares no noso concello”. Destaca Fernández Sanmartín que
“ademais de discutir cos feirantes e regatear polas taxas municipais, un goberno decente
debería pelexar porque as festas sexan asequibles para toda a veciñanza”.









Comentarios