top of page

Denuncian ante Patrimonio e o Seprona danos no Castro de Vilar, en Lalín

hace 5 minutos
3 min de lectura

Antonio Presas alerta de movementos de terras e tala de carballos por parte do Concello neste asentamento castrexo situado en Soutolongo


Ecos da Comarca/Lalín

O xeográfo e investigador lalinense Antonio Presas presentou unha denuncia ante a Dirección Territorial de Patrimonio de Pontevedra para alertar das obras de ensanche dun antigo camiño no Castro de Vilar, tamén coñecido como Castro de Aquel Lado, na parroquia lalinense de Soutolongo. Segundo expón no escrito, os traballos iniciáronse os días 29 e 30 de outubro con maquinaria pesada e implicaron movementos de terras e a tala de carballos.


Presas advirte de que a actuación podería afectar ás estruturas arqueolóxicas do asentamento, catalogado co código GA36024034 e incluído no PXOM de Lalín como solo rústico de especial protección do patrimonio arqueolóxico.

Maquinaria do Concello de Lalín adentrándose nas estruturas do castro de Vilar. Autor: Antonio Presas.
Maquinaria do Concello de Lalín adentrándose nas estruturas do castro de Vilar. Autor: Antonio Presas.

O denunciante asegura que o ensanche dun antigo camiño de carro, duns 2,5 metros de ancho, se adentra nunha das estruturas defensivas do castro, concretamente nun foxo situado na zona máis estreita do meandro do río Asneiro. Por iso, considera necesario comprobar se os traballos están autorizados e se contan co permiso de Patrimonio.


O 30 de outubro, Presas puxo os feitos en coñecemento do Seprona, cuxa patrulla de Lalín se desprazou ata o lugar, segundo relata. Tamén contactou telefonicamente coa Delegación de Patrimonio de Pontevedra e co concelleiro de Obras de Lalín.


Segundo a versión recollida no escrito, o edil explicou que se trataba dunha limpeza do camiño para recuperar o trazado que figura no antigo catastro e facilitar o acceso ata o río Asneiro. Presas, pola súa banda, cuestiona que se estea realizando unha simple limpeza e sostén que os traballos afectan ao ámbito protexido.


 PUBLICIDADE

Na denuncia, presentada por rexistro o 2 de novembro, solicita unha inspección urxente para comprobar os feitos, evitar posibles danos adicionais nas estruturas defensivas do asentamento e adoptar medidas de restauración das zonas afectadas.


O Castro de Vilar conserva unha complexa configuración defensiva, con murallas, terrapléns e foxos que delimitan a croa e o antecastro. O enclave tamén destaca pola presenza dunha carballeira de carballos negrais, unha formación vexetal que Presas considera excepcional no municipio.


A denuncia busca que a Administración competente determine o alcance das actuacións e se estas puideron causar danos ao patrimonio arqueolóxico protexido.


O partido socialista pide explicacións

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, expresou onte a súa preocupación polas posibles afeccións ao patrimonio arqueolóxico e natural derivadas dos traballos realizados polo Concello no Castro de Vilar, na parroquia de Soutolongo e anunciou que o Grupo Socialista solicitou xa toda a documentación relativa á actuación municipal.


Forno considera especialmente preocupante que se realizasen movementos de terras e traballos de ensanche dun camiño na contorna dun xacemento arqueolóxico catalogado e protexido, sen que polo momento se coñeza publicamente se o Concello dispoñía das autorizacións necesarias. “Estamos falando dun ben patrimonial protexido que forma parte da historia e da identidade de Lalín e calquera actuación nesta contorna debe facerse con autorizacións e con todas as garantías”, sinalou. Ao mesmo tempo alertou de que “o que non podemos aceptar é que primeiro entren as máquinas e despois teñamos que preguntarnos se había permisos e se se respectaron os elementos protexidos”.

 

Así, o PSdeG solicitou acceso á toda a documentación sobre as obras dispoñible no Concello, incluíndo os informes técnicos se existise, a documentación sobre o trazado do camiño e as autorizacións correspondentes da Dirección Xeral de Patrimonio e de Augas de Galicia. Para Forno, a posible afectación ás estruturas arqueolóxicas do castro reviste unha especial gravidade e require unha comprobación urxente por parte dos organismos competentes.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Responsabilidades do concelleiro de Obras

 Alba Forno cuestionou especialmente o proceder do concelleiro de Obras, José Cuñarro, e sinalou que “terá que explicar quen ordenou estes traballos, con que informes se realizaron e por que non se atenderon as advertencias sobre a protección do castro”. Advertiu de que o Concello debe extremar o coidado nas actuacións sobre o territorio e evitar que se repitan situacións nas que o proceder municipal xere controversias sobre a protección dos espazos naturais ou o respecto ás propiedades particulares.

 

“O rural de Lalín non é unha finca particular do Partido Popular na que se poida actuar sen dar explicacións”, lembrando que “hai propietarios, hai un patrimonio natural e arqueolóxico que é de todos”. Nesta liña advertiu que “non pode ser que se realicen traballos e que os afectados teñan que descubrir despois por onde pasaron as máquinas”.

 

Forno insistiu en que o seu grupo non se opón á mellora dos camiños rurais cando é necesario pero considera imprescindible que esas actuacións se executen respectando a legalidade, a propiedade e os valores ambientais e patrimoniais.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page