Luis López informa dun plan pioneiro para recuperar a aldea abandonada de Remesar, en Rodeiro
Trátase dunha medida piloto fronte o reto demográfico e o da vivenda
Laura Moure/Rodeiro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de anunciar este martes a posta en marcha dun estudo para a recuperación da aldea de Remesar, un asentamento localizado en Rodeiro que leva, segundo corrobora a veciñanza, máis 25 anos deshabitado.

Trátase dunha iniciativa pioneira por parte da administración provincial, que dá un novo paso adiante no seu compromiso co rural, co reto demográfico e cos concellos pequenos da provincia como Rodeiro co obxectivo de achegar solucións ao despoboamento de núcleos rurais e ao problema de vivenda, ao tempo que avanza na conservación do patrimonio. “Compráceme anunciar hoxe desde Rodeiro que a Deputación vai destinar o vindeiro ano 2027 unha suma de 300.000 euros para redactar un estudo para a recuperación da aldea de Remesar e a rehabilitación das súas vivendas. Falamos dun proxecto pioneiro que demostra o noso compromiso con Rodeiro e co interior, a nosa vontade de achegar solucións ao problema da vivenda e ao noso traballo para facer fronte ao reto demográfico”, declarou o mandatario provincial nesta icónica aldea para presentar a iniciativa á veciñanza e os propietarios dos inmobles.
No orzamento da Deputación do vindeiro ano resérvase unha partida de 300.000 euros para a redacción dun estudo para a recuperación da aldea de Remesar, localizada na parroquia de Carboentes, no Concello de Rodeiro. Trátase dun documento que, segundo explicou o dirixente, servirá para determinar cantas vivendas se poderían rehabilitar e de que xeito, o investimento necesario, a vía administrativa e ás figuras urbanísticas ás que recorrer para facelo e outros aspectos a ter en conta “para facer realidade este proxecto único que pode servir de modelo a outros lugares do Deza e da provincia. Neste sentido, o mandatario provincial precisou que se trata dun proceso longo e complexo no que abre a porta da colaboración a todas as administracións, ao sector empresarial, aos propietarios e á veciñanza.
PUBLICIDADE
A aldea de Remesar é un asentamento localizado nunha contorna natural única pero as súas casas levan deshabitadas, segundo datos no INE, desde o ano 2002, aínda que a veciñanza corrobora que leva máis de 25 anos abandonada. A Deputación ve nesta aldea un modelo que pode servir de exemplo para facer fronte a todos os desafíos que engloba o reto demográfico, como son o éxodo rural, envellecemento da poboación, baixa natalidade, núcleos abandonados e aumento do risco de incendio, de feito o lume chegou ata esta mesma aldea este verán. “Hai quen pensa que isto é o normal, que quen vai querer vivir nunha aldea ou que aquí non hai futuro. Nin nós, nin eu compartimos esa opinión. Por iso estamos aquí. No meu cargo de presidente da Deputación e como firme defensor e amante do rural vexo a diario iniciativas empresariais, sociais e persoais que demostran que o rural e o interior da provincia ten moito que aportar, só hai que apostar por el”, valorou López.
PUBLICIDADE
Aínda que o Concello de Rodeiro forma parte dos concellos da provincia afectados polo reto demográfico, o municipio sofre tamén os problemas da falta de vivenda, motivo polo que o proxecto para a recuperación da aldea de Remesar cobra maior transcendencia. “O caso de Rodeiro é paradigmático, porque malia ser un concello de reto demográfico, ten tamén un problema de falta de vivenda. Moitos traballadores do sector agrogandeiro, das granxas, teñen dificultades para atopar aloxamento”, explicou o presidente Luis López convencido de que “traballando xuntos, xuntando esforzos, Remesar volverá ser noticia pola súa actividade e non polo contrario”.









Comentarios