Gres acolle un acto de homenaxe a Xosé Neira Vilas polo 98 aniversario do seu nacemento
López Campos anuncia que a Xunta contribuirá á homenaxe das Letras Galegas 2027 ao escritor cruceño cunha programación “á altura da relevancia da súa figura
Laura Moure/Vila de Cruces
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou onte que a Xunta de Galicia contribuirá á homenaxe das Letras Galegas 2026 a Xosé Neira Vilas cunha programación “á altura da relevancia cultural e intelectual desta figura, que vai máis alá da creación do memorable Memorias dun neno labrego”. Así o adiantou durante o acto de homenaxe a este autor, co gallo da celebración do 98 aniversario do seu nacemento, no que se levou a cabo unha lectura continuada deste libro, na sede da Fundación co seu nome, en Vila de Cruces.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o responsable de Cultura do Goberno galego amosou a satisfacción pola decisión da Real Academia Galega de dedicarlle as Letras Galegas 2027 a Neira vilas, “un dos nosos autores universais e pioneiro da literatura infantil e xuvenil en galego co célebre Balbino, protagonista do libro máis lido, traducido e editado da literatura galega”.

Neste senso, trasladou o compromiso da Xunta de “sumarse desde xa” a estes actos conmemorativos cunha programación “propia e de calidade” para difundir e pór en valor “o seu importante legado, resultado dunha intensa actividade cultural e intelectual”. Ao respecto, o conselleiro lembrou que Neiras Vilas foi un “inesgotable e prolífico editor, investigador, activista cultural e cronista da Galicia da emigración”. Ademais, fixo fincapé en que se converteu nun “importante e pioneiro dinamizador cultural do rural galego coa Fundación Neira Vilas, creada á súa volta de América”.
Precisamente, o representante do Goberno galego felicitou a Fundación Neira Vilas polo labor que desenvolve e que “segue mantendo vivo o recordo e o espírito dun dos máis grandes escritores das letras galegas”. Neste senso, enxalzou a figura do crucense que “grazas a actividades como as de hoxe, poñemos de manifesto o valor que deu e continúa dando á literatura da nosa terra e ao uso da nosa lingua”.
PUBLICIDADE
Día da Lectura
No marco deste acto, López Campos salientou o feito de que, coincidindo con esta data, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude festexa tamén o Día da lectura. Con este motivo, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de obras en galego coa posta en marcha diferentes tipos de axudas para a edición e distribución de libros no noso idioma ou a colaboración en convocatorias de premios como o Xosé Neira Vilas.
Ao respecto, apuntou que nos Orzamentos para este 2027 o Goberno autonómico destinan máis de tres millóns de euros a seguir contribuíndo a aplicación das medidas do Plan de dinamización da lectura de Galicia, con especial relevancia nas específicas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, entre as que salientou o pulo á creación de clubs de lectura en galego, o deseño de accións de dinamización da lingua para os escolares fóra da aula ou a promoción da tradución e adaptación ao galego de obras de relevancia internacional.
Nesta liña, considerou significativo dos bos resultados destas iniciativas o feito de que o último Informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2025 recolle “unha suba significativa na porcentaxe de galegos e galegas que asegura ler habitual ou ocasionalmente libros na nosa lingua”. Así, destacou que se pasou do 63,6 % en 2024 ao 72 %, “o que supón un incremento de nove puntos”.
O libro en galego máis editado e traducido
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), homenaxeado co Día das Letras Galegas 2027, foi un recoñecido e premiado escritor galego, membro da Real Academia Galega, e galardoado coa Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia. Conta cunha ampla produción narrativa entre a que destaca Memorias dun neno labrego, que acabou converténdose no libro escrito en galego máis editado e traducido.
Esta obra, publicada en 1961, narra a historia de Balbino, un neno que medrou nunha aldea galega e que tivo que afrontar as dificultades da vida rural e a sociedade daquela época. Co tempo acabou converténdose nun clásico da literatura galega, onde se retrata a vida dunha xeración marcada pola emigración e a pobreza.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou durante o acto o legado do escritor Xosé Neira Vilas para a defensa da lingua, a cultura e o rural tanto da provincia como de Galicia. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario provincial achegouse tamén este martes á Casa do Romano, na parroquia de Gres en Vila de Cruces, onde se conmemorou o Día de Neira Vilas e o Día da Lectura co obxectivo de poñer en valor a figura do autor de “Memorias dun neno labrego” que o vindeiro será recoñecido polo Día das Letras Galegas. “Neira Vilas deixou un legado de amor e respecto polas nosas tradicións, a nosa historia e o noso patrimonio. Que un veciño de Gres, de Vila de Cruces, do rural, en definitiva, da provincia de Pontevedra; sexa recoñecido polo Día das Letras Galegas é un privilexio e un motivo máis que nos convida a seguir protexendo e impulsando a súa obra, o seu compromiso co rural e a súa lingua, que tamén é a nosa”, declarou o mandatario na apertura da xornada.
O acto, celebrado na casa natal do escritor que cedeu para o fomento da cultura e a defensa da lingua, comezou coa benvida aos asistentes por parte do presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo. Logo das intervencións institucionais, quenda na que tomaron parte tanto o presidente da Deputación, Luis López, como o conselleiro de Cultura, José López Campos; e o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada; comezou un exercicio coral de lectura da súa obra máis destacada e un emblema da literatura e a cultura galega: “Memorias dun neno labrego”.
PUBLICIDADE
“Moitos dos que me coñecen xa o saben, pero ‘Memorias dun neno labrego’ é moito máis ca o meu libro favorito. É un espello no que me miraba na miña infancia e xuventude, como fillo dunha familia labrega de Rodeiro. Igual non o sabía daquela, pero sen dúbida constitúe un punto de partida dun compromiso político e persoal co rural, que agora exerzo desde a Deputación. E é unha referencia do pasado do país, que debemos lembrar non sempre desde a nostalxia, senón desde a vocación de mellorar as condicións de vida no rural”, confesou o presidente provincial antes de reivindicar a importancia de impulsar o rural. “O rural non é unha despensa, non é un gran resort de fin de semana, non é unha foto do pasado á que mirar con nostalxia ou condescendencia, nin é unha reliquia para conservar intacta; e desde logo non é algo do que laiarse nin dar por perdido. O rural é un espazo social, económico, territorial e ata institucional distinto que merece ser tratado como tal: con respecto, con medidas reais, con esixencia, con ambición, con confianza e con continuidade. Neira Vilas elevou o rural á categoría da gran literatura. A tarefa que nos deixou a nós foi elevar o rural á categoría de espazo de gran futuro”, remarcou Luis López.
Ademais do compromiso co interior da provincia e os núcleos rurais, salientou o presidente provincial que a Deputación tamén comparte co autor Xosé Neira Vilas o compromiso polo impulso da lingua e da cultura galegas. Unha misión que a Deputación atende desde todos os ámbitos e con toda clase de programas entre os que sobresaen o +Música, para divulgar a música galega; ou a exposición do cadro de Castelao, “A derradeira leición do mestre” por primeira vez no Museo de Pontevedra.









Comentarios