O BNG critica que a Xunta "precarice o transporte escolar nos colexios rurais lalinenses"
Ecos da Comarca/Lalín
Os nacionalistas solicitan ao Servizo de Mobilidade de Pontevedra, dependente da Consellería de Presidencia, que non se lle dificulte o acceso ao transporte escolar ás familias que deciden escolarizar aos seus fillos e fillas nos CEIPs situados fóra do núcleo urbano lalinense e que precisan de alumnado para manter as súas portas abertas.

Indican que "malia que, de xeito recorrente, a Consellería de Educación di apoiar a continuidade dos centros educativos de pequeno tamaño, a realidade fica moi lonxe da teoría do conselleiro lalinense, con centos de reclamacións por parte de docentes e familiares que denuncian por todo o territorio galego a falla de medios clara nos CEIPs, especialmente os situados fóra dos núcleos urbanos. Este desleixo non fai senón ir reducindo as súas capacidades de actuación ao mesmo tempo que someten aos docentes a cargas de traballo excesivas e a realización de funcións que non lle corresponden, con familias que non teñen os mesmos servizos e atención segundo o centro que escollan".
Non entanto, apuntan que estudos internacionais relacionan o tamaño das escolas, no caso das de menor número de alumnos por aula, cunha taxa de abandono menor, unha taxa de graduación máis alta e unha maior asistencia, que converten estes centros nun eixo educativo chave que non pasa desapercibido para as familias que, a pesar das dificultades, continúan a optar en moitos casos por levar aos seus fillos e fillas a centros
de pequeno tamaño. Este é o caso dunha das familias lalinenses que optan por levar á
súa crianza ao CEIP Vicente Arias de la Maza, situado na parroquia de Vilatuxe, e que
fica a menos de 10 quilómetros da súa vivenda.
Publicidade
Aínda que neste caso o alumno ten como centro de referencia un dos situados na vila, a asistencia ao outro CEIP, onde leva anos escolarizado, podería favorecerse facilitándolle unha parada para o transporte escolar á beira da casa, escasamente a 200 metros, por onde pasa o autobús diariamente con ese destino, de xeito que en nada habería que modificar o percorrido deste para que o neno fose usuario habitual del. Non entanto, aínda que dende o propio centro se solicitou a creación desta parada e se concedeu, esta decisión foi revogada uns días despois, eliminándoa de novo.
“A diferenza reside en que, podendo facilitar o acceso ao transporte escolar para esta familia, o Servizo de Mobilidade prioriza a burocracia fronte ás persoas e obriga aos
proxenitores a percorrer 4 quilómetros para achegar ao seu neno á parada que lle corresponde, cando o bus escolar pasa a 150 metros da súa casa, amosando un total desinterese por solucionar un feito que non debera ser sequera un problema” declara a
deputada nacionalista Ariadna Fernández, que adianta así mesmo que “continuará a apoiar á familia nas súas reivindicacións en todas as accións que se leven a cabo, elevando, de ser necesario o caso ao Parlamento”.








Comentarios