top of page

O BNG critica a actitude de Medio Rural ao facer que “desaparezan por arte de maxia” as obxeccións a Altri

Secundino Fernández denunciou a pasividade da Xunta de Rueda, a quen acusou de pretender “exterminar o sector para favorecer os seus amigotes”


Ecos da Comarca/Xeral

O deputado do BNG, Secundino Fernández, cuestionou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sobre a grave repercusión que terá a instalación da macrocelulosa de Altri nas comarcas do corazón de Galiza, especialmente na Ulloa. Fíxoo no Pleno deste mércores, onde denunciou "a pasividade da Xunta de Rueda fronte a un proxecto" que, segundo advertiu, “supón unha ameaza directa para miles de familias que viven do campo”.


Fernández sinalou que a recente Declaración de Impacto Ambiental publicada en marzo apenas dedica unha páxina –dun total de 76– á análise do impacto sobre o sector agrogandeiro. “Unha páxina para o sector primario dunha das zonas máis produtoras do País. Parece que non lles importa”, criticou. Segundo o deputado, o informe inicial recollía algunhas obxeccións, pero “por arte de maxia desapareceron todas cando Altri respondeu dicindo que todo estaba en orde”.

Na súa intervención, tamén lamentou que os aspectos relativos ao monte e ao ámbito forestal apenas ocupan tres pequenos parágrafos. “Menos de dúas páxinas para o medio rural, sinal de que non había moito interese en analizar con rigor as consecuencias desta macroplanta”.


Fernández lembrou que na zona afectada existen máis de 3.000 explotacións agrogandeiras, con máis de 70.000 vacas e 61.000 hectáreas de superficie agraria útil, unha área xa de por si con déficit de terra. “Imaxinen despois da eucaliptización” que implica Altri, advertiu.


O deputado nacionalista subliñou que o sector agrogandeiro da comarca ocupa directamente a 4.000 persoas, sen contar cos miles de empregos indirectos asociados á actividade agraria e gandeira, como empresas de servizos, comercio, transformación de produtos, turismo rural ou industria auxiliar.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais, fixo referencia á Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, a segunda de todo o Estado español, que comercializa 4 millóns de quilos de queixo ao ano, xerando un volume económico de 32 millóns de euros.


Porén, segundo denunciou, "a megacelulosa de Altri precisa máis de 2,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, o que provocará unha expansión acelerada da eucaliptización, especialmente na comarca onde se pretende instalar".


"250M€ para Altri mentres se denegan o 71% das axudas á mellora de explotacións"

Secundino Fernández contrapuxo que mentres a Xunta reclama axudas de 250 millóns de euros para Altri para crear 250 empregos directos —“a 1.000.000 € por posto de traballo”, subliñou—  os mozos ou mozas que se queren incorporar á actividade agraria reciben 40.000 €”. “A iso chámolle asalto ás arcas públicas”, afirmou, engadindo que a mesma Xunta que quere axudas para Altri denega o 71% das achegas para mellorar as explotacións agrogandeiras.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Fernández continuou argumentando que, "se falamos dos empregos non agrarios no medio rural, e dando por bos os datos da Consellería do Medio Rural referente ao PDR 2014 2020, este plan permitiu nestes 8 ano aprobar case 1.500 proxectos., cunha axuda pública de 77,5 millóns. E agora pretenden darlle dende o goberno da Xunta do PP 250 M € a Altri dunha atacada, os cartos de 25 anos de axudas para desenvolvemento rural”, lamentou.


“Que triste que o diñeiro para desenvolver unha zona, para crear riqueza que acabe nas mans dos que queren destruíla. Para vostedes as persoas que viven no rural estorban para os seus plans depredatorios do noso País e dos recursos públicos”, manifestou.  “Señora conselleira, vostede debería estar loitando para impedir este proxecto contaminante, defendendo aos homes e mulleres do rural. Pero cala. E coa súa complicidade, a Xunta do PP pretende exterminar un sector vital para Galiza para favorecer aos seus amigotes”, concluíu.



IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page